Site icon Crónica3.com A Mariña

Os días 16, 21 e 22 de setembro cita coa tradicional Romaría da Santa Eufemia no burgo de Trasbar (Cervo)

 Trasbar, 18 de setembro de 2019.- Xa moi preto dos días da festa, os veciños de Trasbar traballan esta semana nos preparativos para a alfombra floral. Estarán todas as tardes, de luns a venres, a partir das 16.30 h, no local social cortando no verde e tinguindo o sal e o serrín para confeccionar a alfombra.
Dende o colectivo veciñal, agradecen toda a axuda relacionada coa confección da alfombra: dende voluntarios para cortar o verde, para debuxala, para facela, como as achegas de flores para que isto sexa posible. “Toda aquela xente que nos queira axudar, tanto nos preparativos como na elaboración da alfombra, será ben recibida, xa que é moito o traballo que hai que facer”.
Programa
Os actos comezaron o luns, día da patroa, ás 13.00 horas, coa celebración dunha misa na honra de Santa Eufemia, seguida dunha procesión, e ao remate aqueles devotos que quixeron puideron achegarse a poñer a Santa. Ao finalizar, os veciños disfrutaron dun xantar no Local social. Ás 17.00 horas realizouse unha andaina ata a capela antiga de Santa Eufemia situada no mesmo burgo.
O sábado, os actos comezarán ás oito da mañá, coa elaboración da alfombra floral. A misa será ás 13.30h, cantada polo coral Terramar de San Cibrao, a continuación procesión. A sesión vermú que virá de seguido correrá a cargo da orquestra Magos. Xa pola noite, as orquestras Magos e Dúo E-pok serán as encargadas da verbena. Logo de rematar o baile, haberá caldo de balde.
O domingo a misa será ás 13.00h, cantada pola coral Terramar de San Cibrao, seguida da procesión e a sesión vermú a cargo do dúo E-Pok, dando por rematado así o programa festivo deste ano.

Exit mobile version