Tras este encontro co Presidente, os representantes sindicais mantiveron de seguido unha xuntanza cos deputados e deputadas designados para exercer o cargo de liquidadores de SUPLUSA (Pilar García Porto, en representación do PSdeG, Mónica Freire Rancaño, do BNG, e José Antonio García López, do PP), co asesor xurídico da comisión liquidadora e cunha traballadora de SUPLUSA nomeada interventora.
Con esta xuntanza, José Tomé quere garantir a total transparencia e claridade en todo o proceso que desembocará na extinción da sociedade mercantil, e desvinculalo de calquera manipulación política que puidera darse, en tanto que a decisión política, que é a disolución de SUPLUSA, xa está acordada por unanimidade no Pleno e na Xunta Xeral da entidade mercantil celebrados o día 12. Agora resta desenvolver a parte técnica e administrativa, que se realizará segundo as indicacións dos servizos provinciais implicados ao abeiro do establecido na lexislación Mercantil e de Dereito Público que resulte de aplicación.