Site icon Crónica3.com A Mariña

O presidente da Deputación racha o acordo da defensa de Alcoa proposta polo PP que, sen embargo, si que obtivo os votos positivos do BNG

 Lugo, 24 de setembro, 2019. O Grupo Provincial do PP lamenta que Tomé e o resto de deputados socialistas se opuxesen á defensa de Alcoa proposta polos populares que, sen embargo, si que obtivo os votos positivos do BNG. A este respecto, consideran que o PSOE perdeu unha oportunidade para o que debería de ser lóxico e responsable neste asunto, que é acadar un acordo unánime de toda a Corporación.

Esta decisión unilateral pon de relevo que para os socialistas a prioridade é defender ao Goberno de Sánchez e non aos intereses dos traballadores e o mantemento da actividade industrial, que xa se viu reducida co peche de 32 cubas. Por este motivo, tachan de “irresponsable” a actitude dos socialistas, que deixa en evidencia que “estamos ante un goberno partidista”.

Por outra banda, dende o Grupo Provincial afirman que no Pleno de hoxe se viu a un goberno “sen iniciativa, que non traballa e que plaxia propostas”. Esta é a conclusión que fan os populares unha vez que o bipartito incluíu mocións semellantes ás presentadas polo Partido Popular respecto sobre o futuro de Alcoa e a erradicación dos danos causados polo xabaril tanto en zonas urbanas como rurais.

Dende o PP atribúen esta cuestión a que os deputados socialistas e nacionalistas “teñen medo ao debate” e están a demostrar que son un goberno “anodino e con falta de criterio”, ao tempo que están marcando o que vai ser a lexislatura. Refírense así á actitude censuradora do presidente, xa que eliminou un turno do debate e incluso reducíu tempos ao meter “mocións idénticas”.

Xa centrados no marco do debate, os populares agardaban que o PSOE dese o visto é prace á súa moción na que pedían que a Deputación instase ao Goberno Central a aprobar o estatuto de consumidor electrointensivo, pois esta sería a solución á grave crise que atravesa a multinacional. Castiñeira destacou que o PP xa deixou claro, no ámbito da Deputación, a súa preocupación polo futuro de Alcoa en ocasións anteriores, concretamente en maio de 2016, outubro de 2018 e marzo do ano en curso. Se antes a situación da factoría era preocupante, agora, moito máis ante a paralización da produción. O vicevoceiro explicou que “Alcoa está pedindo axuda, que necesita prezos competitivos”, felicitando con elo tanto a traballadores como aos alcaldes de Cervo e Xove, na defensa do mantemento da empresa.

Javier Castiñeira recordou que Alcoa de San Cibrao constitúe o principal motor económico e laboral da Mariña lucense e un dos máis importante das provincia. É a principal fonte de emprego directo para 1.100 familias; a maiores, hai que engadir o emprego indirecto. Por iso, Castiñeira considera imposible de entender a desidia demostrada polo Goberno presidido por Pedro Sánchez. É incomprensible, na súa opinión, a falta de reacción demostrada con respecto á factoría de San Cibrao despois da venda das de A Coruña. O mesmo deputado provincial resalta que a familia popular saíu decididamente en apoio do futuro da factoría e dos seus traballadores. Fíxoo xa na época de Mariano Rajoy coa reunión en EEUU e a construción do gasoducto e agora o está a facer en todas as institucións.

Por este motivo, criticou a votación dos socialistas, pois, mentras “o PP ten claro o que quere, o PSOE vai ao dedo que máis lle interesa”, pois as declaracións da ministra “nada novo trouxeron”.

Moción xabaril
A segunda moción “plaxiada” foi a relativa aos efectos do xabaril que, tal e como destacou Agustín Baamonde, constitúe “un tema grave para o rural e incluso o entorno urbano” polo que a solución pasa por chegar “a unha solución de concordia”. Pola contra, “o PSOE reacciona con outra alternativa que é de vista corte, demostrando que son de gatillo rápido pero de pouca puntería”.

Baamonde apuntou que a iniciativa do PSOE é “unha moción de estereotipo, co a que pretenden construír un relato de culpabilidade a Xunta de Galicia”. Sen embargo, a proposta dos populares “é moito máis ampla e está encamiñada a crear sinerxias entre administracións para combater este problema”, de aí que se pedise a implicación do Goberno Central.

Outros asuntos
Noutra orde de asuntos os populares apoiaron pedir á Xunta de Galicia o impulso do arranxo da estrada autonómica que comunica Becerréa con Sarria, no treito que aínda non foi mellorado e que vai dende o alto de Villaesteva ata o núcleo becerrense. O deputado Jesús Núñez e alcalde de As Nogais trasladou que é necesario o arranxo deste vial, ao igual que é necesario desbrozar as vías provincias da Montaña que, xa pasado o verán, aínda non foron rozadas. Núñez tamén puxo en valor que a autonómica non esquece a esta zona. Como exemplos citou o proxecto de desdobramento do corredor de Sarria, o acondicionamento da estrada que vai de Folgoso a Seoane do Courel, ou os labores de conservación que, neste caso, si que están “ao día”.

En aras de acadar e buscar o mellor para a provincia os populares tamén deron o visto e prace aos puntos catro, cinco, seis, e sete, e que fan referencia á modificación/substitución dun dos investimentos incluídos no Plan Único nos Concellos de Quiroga, Pedrafita do Cebreiro, Ribas de Sil e Taboada.

No caso do regulamento da Asesoría Xurídica da Deputación, os deputados do PP abstivéronse porque detectaron que era importante facer puntualizacións nalgunhas disposición regulamentarias, aportando as consideracións que se deberían de ter en conta para que este documento fose o máis preciso posible.

Exit mobile version