Castiñeira destaca que o PP xa deixou claro, no ámbito da Deputación, a súa preocupación polo futuro de Alcoa en ocasións anteriores, concretamente en maio de 2016, outubro de 2018 e marzo do ano en curso. Se antes a situación da factoría era preocupante, agora, moito máis. Por iso, sinala, Castiñeira, o Partido Popular expresou con claridade o seu apoio a esta industria e aos seus traballadores. Un apoio que vai desde o militante de base ao presidente da Xunta de Galicia. Nesa liña, o grupo provincial do PP busca agora un acordo do pleno da corporación provincial para instar ao Goberno central a facer o que ten que facer sen máis demora en defensa desta factoría, tal como lle demanda a sociedade lucense, en concreto, e a galega en xeral.
Na moción xa rexistrada polo PP na Deputación pídese o acordo para instar ao Goberno a garantir un marco estable e competitivo e a aprobar o estatuto de apoio ás empresas electrointensivas. Igualmente, aprémase ao Goberno central a convocar a mesa de traballo sobre a industria electrointensiva, incorporando a ela ao comité de empresa de Alcoa de San Cibrao. A este respecto, Javier Castiñeira deixa claro que o Goberno de Sánchez ten que cumprir canto antes os compromisos adquiridos pola ministra na reunión cos representantes dos traballadores.
Igualmente, na proposta popular inclúese instar ao Goberno central a cumprir o compromiso de ampliar de 90 a 200M€ a compensación dos gastos indirectos de CO2, como medida de apoio ás empresas que teñen unha alta dependencia dos custes enerxéticos.
Javier Castiñeira recorda que Alcoa de San Cibrao constitúe o principal motor económico e laboral da Mariña lucense e un dos máis importante das provincia. É a principal fonte de emprego directo para 1.100 familias; a maiores, hai que engadir o emprego indirecto. Por iso, Castiñeira considera imposible de entender a desidia demostrada polo Goberno presidido por Pedro Sánchez. É incomprensible, na súa opinión, a falta de reacción demostrada con respecto á factoría de San Cibrao despois da venda das de A Coruña: «É unha inexplicable demostración de falta de sensibilidade con respecto o valor desta industria e da súa relevancia para Lugo». O mesmo deputado provincial resalta que a familia popular saíu decididamente en apoio do futuro da factoría e dos seus traballadores, que contan con respaldo do presidente da Xunta. Pero, di Castiñeira, «as decisións claves dependen do Goberno central e ten que tomalas canto antes». Por elo, explica o deputado, o grupo provincial do PP presenta esta moción que é un paso máis no camiño seguido polos populares neste asunto, incluídas as xestións realizadas por gobernos populares, sinaladamente o de Mariano Rajoy.