Viverio, 25 de setembro, 2019. O Grupo Municipal do Partido Popular de Viveiro reclama ao Concello que pague os incentivos por xubilación que adebeda aos beneficiarios. Os populares farano a través do rogo que presentarán no Pleno e a instancias das queixas recibidas por parte do persoal laboral que xa cesou da súa actividade no ente local, ao non recibir aínda as cantidades pactadas.
Deste xeito, os populares pedirán que se cumpra o convenio colectivo que rexe estas axudas, e que foi asinado o 12 de novembro de 2008 e aprobado polo Pleno en sesión do 24 de novembro dese mesmo ano. Concretamente, no artigo 85 explicítase o seguinte: “contía do incentivo por xubilación. O Concello pagará como incentivo económico aos xubilados a cantidade de 1.200 euros cando o traballador se xubile por idade ou por incapacidade permanente, absoluta, total ou gran invaliadez sempre que implique a súa baixa efectiva do cadro de persoal municipal, e que será percibida polo afectado dunha soa vez, na última nómina”.
Seguindo “escrupulosamente” esta premisa, os edís do PP esixen explicacións dos motivos ou causas que están a provocar “este impago”, así como que se proceda ao seu abono “no menor tempo posible”, pois é, indica, “un dereito que estas persoas teñen”.
“Non pagar estes incentivos é unha absoluta irresponsabilidade”, de aí, adiantan, “solicitaremos que se inclúa a partida nos orzamentos municipais para corrixir este agravio que se lles está a facer”.