Trabada, 10 de setembro, 2019. O voceiro do PP de Trabada, José María Fernández, denuncia “o estado de total abandono que presentan as inmediacións do colexio un día antes de que dea inicio o curso escolar 2019/2020” e esixe ao Goberno local actuar de “forma inmediata” para rozar e acondicionar o recinto escolar de titularidade municipal.
O popular considera “inconcibible” que o entorno do CEIP Celso Currás a unhas horas de recibir aos nenos e nenas matriculados no centro presente un estado totalmente descoidado. “Está cheo de maleza, coa herba de rozar e cos arbustos das zonas verdes tamén sen podar”, manifesta.
A este respecto, Fernández critica “a deixadez do Goberno local” que “tivo todo o verán para xestionar os labores de roza para que agora as instalacións estivesen en boas condicións para recibir aos alumnos e alumnas”.
O voceiro do PP explica que “a falta de acondicionamento dos exteriores do colexio que pertencen ao propio recinto escolar supón un perigo para a seguridade dos rapaces e rapazas”; xa que “entre a maleza pódense agochar distintos animais invertebrados”.
Fernández lamenta que “por un lado, a rexedora socialista se preocupara por facer anuncios mediáticos cos que tratar de incrementar o número de matrículas no colexio –un obxectivo que apoiamos dende o Grupo Municipal Popular-; pero, por outro, non fose capaz de xestionar aspectos básicos do día a día do noso Concello que afectan ao acondicionamento do exterior do centro e que son de competencia municipal”.