Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Burela denuncia o “pasotismo” do alcalde en funcións ante o inicio do curso escolar

 Burela, a 14 de setembro de 2019.- O PP de Burela denuncia o “pasotismo” do alcalde en funcións ante o inicio do curso escolar 2019-2020. “Mentres que se pode apreciar que a Xunta de Galicia está a facer inversións en Burela – no CEIP Virxe do Carme, no CEIP Vista Alegre ou no IES Monte Castelo-, o que se ve por parte do alcalde en funcións é que non se preocupa de arranxar aquilo que é competencia municipal”.
Deste xeito, “os pais e nais dos pequenos que acoden á Escola Infantil e ao CEIP Vista Alegre, poden ver como o cerramento que divide ámbolos dous centros, se atopa nun estado de total deficiencia. Tal é así que tanto o PP de Burela como a Delegación de Educación lle advertiron hai meses que se tiña que corrixir esta situación pola propia seguridade dos pequenos”, recordan.
O Grupo Municipal Popular burelés volveu a insistir nesta situación no pleno extraordinario do pasado mércores; pero, segundo o alcalde, “isto non corre moita presa”, tal e como manifestou porque “o asunto non é para tanto”.
Outra situación que demostra o total “pasotismo” do alcalde en funcións, Alfredo Llano, é a situación que está a sufrir o IES Monte Castelo co abastecemento de auga. “Se ben é certo que o instituto ten auga, esta depende da boa vontade do IES Perdouro, que lle permitiu a súa conexión provisional debido a unha actuación provisional que houbo que facer no centro hai uns meses e que impedía a súa subministración dende a rede xeral. Esta actuación xa hai tempo que rematou e o IES Monte Castelo non ten conexión de auga na rede xeral debido á pasividade máis absoluta do Sr. Llano que xa se acomoda a isto de traballar a ralentí. E mentres, o IES Perdouro estalle a pagar o consumo de auga ao centro veciño”, indican os populares.
“Trátase de situacións bastante peculiares e, sobre todo, demostrativas do pouco afán polo traballo que ten o alcalde en funcións e da ineficacia deste Goberno que non pode esconderse ante as súas obrigas en materia de conservación dos centros educativos debido ao pacto firmado no seu día entre os concellos e a Xunta de Galicia”, conclúen dende o PP de Burela.

Exit mobile version