Lugo, 25, setembro, 2019. O futuro da planta de Alcoa en San Cibrao é cada día máis escuro a causa da inacción do Goberno central, presidido polo socialista Pedro Sánchez. Para o PP de Lugo, a postura dos socialistas fronte a unha industria que constitúe un dos principais recursos da provincia resulta totalmente inaceptable e censurable. O presidente da Deputación, José Tomé, rompeu na última sesión plenaria da Deputación o consenso que houbo ata o momento en respaldo de tan importante industria e negouse a apoiar (votou en contra) a moción presentada polo grupo popular en defensa de Alcoa-San Cibrao. A inaudita posición adoptada polo PSOE levantou un forte malestar na Mariña, do que se fan eco os portavoces populares en Trabada, José María Fernández Vázquez, e Viveiro, Óscar Rodríguez Blanco.
Para Rodríguez Blanco, o de Alcoa-San Cibrao é «un deses casos nos que hai que deixar de lado os intereses partidistas e sumarse decididamente á defensa dos intereses da comarca e da provincia». Considera que «nun momento tan perigoso para a supervivencia desta industria hai que poñer sen dúbidas os intereses xerais por diante dos de partido; iso é algo que non parecen saber facer os socialistas á vista de como están actuando en relación con Alcoa». Rodríguez destaca que o PP intentou presentar no seu momento unha moción de urxencia no Concello de Viveiro, pero non lle foi permitido, porque sorprendentemente o goberno considerou que non era un tema urxente. Di que tal resposta deixa ben clara a maneira de pensar dos socialistas. No próximo pleno volverán a presentar a moción en defensa de Alcoa, reclamando medidas que garantan o seu futuro.
Polo seu lado, o portavoz popular en Trabada, José María Fernández Vázquez, di que, á vista de como actúa o PSOE na proximidade de citas electorais, non tardará moito en empezar a adquirir compromisos totalmente baleiros de contido. Asegura que aínda coñecendo ese modo de operar dos socialistas, resulta verdadeiramente sorprendente o feito de que o presidente da Deputación, José Tomé, fora capaz de rachar o consenso mantido ata agora na defensa de Alcoa e non apoiase a moción a tal fin presentada polo PP. «Moita prensa, moita foto, pero á hora da verdade non son capaces de deixar de lado os intereses partidistas e defender os intereses da Mariña e da provincia».
Tanto Rodríguez como Fernández resaltan que o presidente da compañía deixou claro ao comité de empresa que diante da falta de concreción por parte do Goberno central non están previstos cambios que melloren a actual situación de Alcoa, que reduciu nun 11% a súa produción en San Cibrao. Destacan igualmente que a inacción do Goberno mantén aos traballadores e a toda a comarca en estado de grave preocupación. Neste escenario é imposible entender, máis que desde posicións puramente partidistas, a actitude do PSOE na provincia, e sinaladamente a do presidente da Deputación, José Tomé, ao non apoiar a moción presentada polo PP. A iniciativa popular incluía instar ao Goberno a realizar as accións encamiñadas a garantir os centros produtivos e os postos de traballo de Alcoa en San Cibrao, así como a garantir un marco enerxético estable e competitivo. Tamén á aprobación de xeito inmediato do estatuto de apoio ás empresas electrointensivas. Igualmente, na moción popular se instaba ao Goberno a cumprir o compromiso de ampliar de 90 a 200M€ a compensación dos gastos indirectos de CO2 como medida de apoio ás empresas que teñen unha alta dependencia dos custes enerxéticos.
O PP de Lugo entende que a falta de compromisos do Goberno, presidido por Pedro Sánchez, con Alcoa-San Cibrao está a poñer en grave perigo o futuro desta industria, que representa o 30% do produto interior bruto da provincia e crea emprego directo para máis de 1.100 familias, e miles de empregos indirectos (calcúlase un total no entorno de 5.000 postos).