Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pleno aproba por unanimidade a proposta do Presidente de disolver SUPLUSA

Lugo, 12 de setembro de 2019. A Corporación provincial de Lugo aprobou por unanimidade no Pleno extraordinario celebrado este xoves a proposta do Presidente, José Tomé, de disolver a Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA). Así, Tomé logrou o consenso de todos os deputados e deputadas provinciais en torno a unha decisión que impulsou aos poucos días de tomar posesión co fin de cumprir co recollido no pacto de Goberno e tamén coa prioridade que marcou na súa investidura de devolver a tranquilidade e a normalidade institucional á Deputación despois de que a entidade mercantil quedase desvirtuada debido ás disfuncións producidas nos últimos anos. De feito, a Deputación retiroulle a SUPLUSA a súa condición de medio propio en marzo de 2018, co que a día de hoxe a súa existencia carece de sentido.

Dado que a Sociedade Urbanística Provincial é na actualidade o único ente instrumental da Deputación, a súa disolución suporá tamén culminar o proceso de reestruturación da Deputación, un obxectivo recollido igualmente no pacto de Goberno, que fará á Administración “máis eficaz e útil á cidadanía, ademais de supoñer un aforro para as arcas provinciais”, subliñou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto. Este proceso de reestruturación materializouse dende o ano 2012 na extinción do Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES) e da Fundación TIC.

En canto aos actuais traballadores e traballadoras de SUPLUSA, a voceira do PSdeG reiterou que a Corporación ten a vontade de garantir os seus dereitos laborais, para o cal se solicitarán os informes técnicos pertinentes.
De feito, o acordo adoptado hoxe pola unanimidade da Corporación inclúe dous puntos:
– A disolución de SUPLUSA e a realización de todos aqueles trámites que resulten necesarios para lograr a súa total extinción ata a súa sucesión universal pola Deputación na súa condición de socio único daquela
– E constituír unha comisión técnica, integrada por persoal funcionario da Deputación (dos servizos de Secretaría, Intervención e Recursos Humanos), por traballadores de SUPLUSA e por deputados e deputadas provinciais (que serán os mesmos que os designados como liquidadores, pertencentes aos tres grupos políticos provinciais), que decidirá o modelo de xestión dos servizos que prestaba a entidade mercantil.
O procedemento para disolver a Sociedade Urbanística Provincial arranca co Pleno extraordinario celebrado hoxe e consta de tres fases: a de disolución –que se abre agora-, a de liquidación e a de extinción definitiva da entidade e da súa personalidade xurídica. Todas elas, cunha duración estimada de alomenos dous anos, realizaranse segundo as indicacións técnicas dos servizos provinciais implicados ao abeiro do establecido na lexislación Mercantil e de Dereito Público que resulte de aplicación.
Os tres grupos políticos formarán parte de todo o proceso
Posteriormente ao Pleno, celebrouse, por solicitude dos tres grupos políticos provinciais, unha Xunta Xeral Extraordinaria do ente mercantil cunha orde do día consensuada, que foi aprobada tamén por unanimidade. Os asuntos acordados son os seguintes: a disolución da sociedade e a súa entrada en liquidación, así como o desistimento das accións xudiciais interpostas mutuamente (sociedade-Deputación); establecer un período de liquidación de 24 meses, que poderá ser ampliado mediante petición motivada; cesar a todas as persoas administradoras e órganos da sociedade; e designar as persoas que exercerán o cargo de liquidadores da sociedade (os deputados Pilar García Porto, en representación do PSdeG, Mónica Freire Rancaño, do BNG, e José Antonio García López, do PP). Polo tanto, os tres grupos da Corporación estarán representados en todos e cada un dos pasos que se dean no proceso que desembocará na disolución de SUPLUSA.
Plan Económico Financeiro
Por outra banda, o Pleno aprobou o Plan Económico Financeiro (PEF) que a institución provincial debe aplicar por superar no exercizo 2018 a denominada regra ou teito de gasto, isto é, o límite anual de gastos non financeiros establecido para as administracións públicas pola lexislación estatal.

Trátase dun desaxuste coxuntural entre gastos e ingresos non financeiros, que, segundo reflicte o PEF, se corrixirá na liquidación deste 2019 e do 2020, e que estivo provocado, tal e como recolle o informe do servizo provincial de Intervención, pola execución dos investimentos contemplados no Plan Extraordinario de Rehabilitación de Firmes de Vías Provinciais 2017-2019, financiado con unha operación de crédito por importe de 15M€; pola execución de residencias da terceira idade; polos incrementos salariais do persoal dos parques de bombeiros; e polas encomendas de xestión da Deputación á Fundación TIC. O PEF implica que o organismo provincial se compromete a respectar o límite de gasto marcado polo Estado neste 2019 e no 2020.

No Pleno tamén saíu adiante a aprobación dun expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito para o pago de 6 facturas de subministro de materiais para a Granxa Gayoso Castro por importe de 74.712,40€ correspondentes aos anos 2016 e 2017, así como a prórroga ata o mes de novembro dos prazos de execución e xustificación do convenio da Deputación coa asociación Raiolas para o acondicionamento na antiga gardería do Campus dun centro de día para a atención de persoas con TEA.

Exit mobile version