Con eles a CTNL pretende valorar e proxectar o gran labor que se desenvolve no ámbito da normalización lingüística, dar visibilidade a proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poidan servir como modelo e inspiración para mellorar o traballo en normalización da lingua.
Entre os 47 proxectos presentados na convocatoria desta 1ª edición dos Premios Mil Primaveras, o Modelo Burela do IES Perdouroe resultou estar entre os seis premiados.
Como mellor proxecto estabilizado recoñeceuse o Modelo Burela (IES Perdouro), por ser un proxecto de planificación lingüística que aborda a acollida lingüística como estratexia de integración social e implica a sociedade e o ámbito educativo nun labor conxunto de promoción da diversidade cultural, nomeadamente no marco da lusofonía. Hoxe as actividades máis significativas do Modelo Burela son o Proxecto Neo, un programa de radio para dar a coñecer a incorporación á lingua galega de persoas que non a tiveron como primeiro idioma, ou Grandes Voces do Noso Mundo, unha emisión para tender pontes a través da música co noso mundo lingüístico. O proxecto tamén inclúe outras accións como intercambios educativos con centros con realidades lingüísticas semellantes, programas de atención á diversidade ou intervencións destinadas á cidadanía.
O pasado sábado 21, unha comitiva do IES Perdouro desprazouse ata Pontevedra para recoller o premio da man de Ana Iglesias, integrante do xurado. Karina Parga, en reperesentación do IES Perdouro, compartíu palabras de agradecemento e felicitou os outros cinco proxectos premiados: Desafío 48 do IES María Casares de Oleiros, Falemos de ti e de min do IES de Soutomaior, Eu presumo de Galego do IES de Melide, o proxecto Youtubeiras e Youtubeiros e GCiencia Industrias Creativas.
Máis info na web de CTNL : https://milprimaveras.gal/nova/gl/23