Burela, a 21 de setembro de 2019.- O Grupo Provincial na Deputación defenderá os intereses de Burela no vindeiro Pleno. Concretamente, os populares instarán ao presidente deste organismo a emprender as xestións necesarias para que o Ministerio de Fomento sinalice na A-8 este municipio, así como o Hospital da Mariña na N-642.
Deste xeito, o Grupo Provincial, cuxa voceira é Elena Candia, atenderá a demanda dos populares bureleses, pois, segundo apunta o dirixente da agrupación local, Manuel Rouco, “mentras outros alcaldes socialistas si que conseguiron a sinalización dos seus concellos, Llano foi incapaz de facelo”
Hai que lembrar que esta iniciativa xa fora presentada hai case un ano polo GMP no pleno ordinario celebrado no pasado mes de novembro. A moción que se presentou no seu día foi rexeitada polo agora alcalde en funcións, así como polos concelleiros do grupo municipal socialista presentes: Fernández Rey, Otero Rodríguez, Ben Vázquez, Gómez Sánchez e Ángeles Chumacero.
Para Rouco “foi sorprendente que todos e cada un deles votaran en contra de que Burela aparecera sinalizada nunha das principais arterias de comunicación da comarca da Mariña, a A8”. Os socialistas tamén se opuxeran á mellora da sinalización, tanto de Burela como do Hospital da Mariña, na N-642. “Esta é parte da xente que está a gobernar na actualidade a nosa vila. Xente que considera que Burela non ten a suficiente importancia doutros concellos, tales coma Riotorto, Alfoz ou o Valadouro; para figurar na carteleira da mencionada autovía”, manifesta o voceiro do PP.
No seu momento a escusa foi que xa había unha previsión para a mellora da sinalización, tanto na A-8 coma na N-642, pero, un ano despois, non hai ningún viso de dita mellora cando outros concellos da Mariña si que a tiveron. É por isto que, unha vez máis, o Partido Popular toma a iniciativa, nesta ocasión dentro do seno da Deputación.