Site icon Crónica3.com A Mariña

O Forte de San Damián acolleu o acto para conmemorar o centenario do naufraxio do bote salvavidas Fernando Villamil. Ao seu pé foi descuberta unha placa que recolle a historia desta traxedia que lle custou a vida a tres persoas

 Ribadeo, 26 de setembro de 2019. O Forte de San Damián acolleu esta tarde o acto para conmemorar o centenario do naufraxio do bote Fernando Villamil, que se cumpre dentro de dous días, o 28 de setembro de 2019. No mesmo interviñeron a concelleira de Cultura, Pilar Otero, o alcalde, Fernando Suárez, e o cronista oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez.
A edil ribadense lembrou como chegou o bote Fernando Villamil a Ribadeo: “a Sociedade de Náufragos foi unha das primeiras do Cantábrico e decidiu traer aquí un bote de salvamento último modelo, coas últimas novidades técnicas hai cen anos. Entón se botou ao mar e probouse, naquel momento ían uns cantos tripulantes e entre eles o presidente da Sociedade, pero houbo un desgraciado incidente e froito del morreron tres persoas e dende aquela aquí o temos castigado. Vainos contar un pouco máis desta historia Lalo (Eduardo Gutiérrez), que é realmente a persoa ilustrada sobre o tema, que publicou un libro do que entregamos a todos os asistentes unha separata onde se conta isto. O seu libro non soamente fala disto pero, xa que este acto ten que ver con ese centenario que se cumpre nun par de días, nos pareceu acaído traer esta separata e entregala aquí”.
O cronista oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez, fixo un relato do naufraxio do bote salvavidas Fernando Villamil e tamén doutros acontecementos históricos que tiveron lugar no Forte de San Damián. O seu discurso comezou así: “conmemoramos hoxe o naufraxio hai un século deste bote salvavidas que leva por nome Fernando Villamil, o ilustre mariño de Serantes, morto en Santiago de Cuba cun monumento que o lembra na outra banda da Ría de Ribadeo, en Castropol. Tamén no seu honor a Sociedade Española de Salvamento de Náufragos. de Ribadeo quixo honralo bautizando asi a embarcación, de cuxa traxectoria poden ter vostedes cumprida noticia por medio da separata que se lles entrega. Faleceran tres mariñeiros naquel infausto naufraxio de hai xusto cen anos. Lembrámolo con esta sucinta información xa que aquel bote é este que aquí se expón: insumerxible e autoadrizable”.
E remataba deste xeito: “a expectación hai un século era moita porque ademais tiña a embarcación unha forma característica, xa que levaba dous tambuchos estancos a proa e popa que o facían insumerxible, ademais dun dispositivo para autoadrizar na obra viva da embarcación, ou sexa enriba da quilla. A partir de aí o bote voltou ao seu almacén sempre agachado, excitador da curiosidade e o morbo infantil e que dou lugar a versións fantásticas, tanto do accidente como do seu destino, pensando que estaba “arrestada” pola autoridade militar da que por certo non dependía, aparte de que os castigos ás cousas non figuran no código de xustiza militar. Despois rematou abandonado na vía pública e, ao cabo, recolleuse onde agora se atopa, no lugar exacto que ocupou o polvorín do Forte”.
O rexedor, pola súa banda, referiuse á rica historia coa que conta Ribadeo e avogou pola posta en marcha dun espazo museístico no Forte de San Damián: “retomo esta idea, xa que temos ingredientes de historia, a ver si con diálogo pausado pero serio e riguroso, coas demais administracións podemos facer algo máis. Ben sexa co galeón ou con poñer en valor este espazo tan bonito e ademais de celebrar vodas e cuestións de arte que facemos moitas veces, a ver se lle podemos dar un pouco máis de intensidade. Evidentemente para darlle máis intensidade necesitamos máis cartos tamén e os cartos veñen das administracións públicas, entón a ver se entre todos podemos poñer un pouco de nós para botar luz. A min enorgulléceme moitísimo ser dun Concello onde falamos de xarróns do século XVI como se faláramos de cousas cotiás, e é algo marabilloso que non moitos poden dicir o mesmo. Hoxe, no Concello, unha persoa falando das Fontes do Lobo aló polo ano 1536 e dixen pois a acta témola aquí, fun ao arquivo e vimos a acta de 1536, e o interlocutor quedou alí como dicindo pero estou en Simancas ou onde estou, e dixen non, estás no Concello de Ribadeo”.
Ao remate das intervencións tivo lugar o descubrimento dunha placa ao pé do bote salvavidas Fernando Villamil para conmemorar o centenario deste naufraxio e para achegar a súa historia a aquelas persoas que visiten o Forte de San Damián.

Exit mobile version