Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello realiza obras de mellora nas pistas de pádel da Marosa

 Burela, 18 de setembro de 2019. O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, visitou esta mañá xunto ao alcalde, Alfredo Llano, as pistas de pádel da Marosa. Alí estes días procédese ao cambio do chan e das luminarias, unhas obras que supoñen un investimento de 13.000 euros. O edil explicou que as pistas de pádel poderán volver utilizarse esta vindeira fin de semana.

Fernández Rey contou que “no día de hoxe tanto o alcalde, Alfredo Llano, como eu mesmo, inspeccionamos as obras que estamos facendo no campo de fútbol da Marosa, concretamente nas pistas de pádel. Estamos cambiando a superficie, que se atopaba bastante deteriorada, porque xa levaba dez anos posta, e imos poñer un tapete novo para xogar alí ao pádel da mellor maneira posible. É de última xeración, co cal entendemos que vai quedar unha instalación lista para moito tempo”.

O concelleiro de Deportes explicou que “ademais disto vamos cambiar as luminarias, como vimos facendo en todas as instalacións deportivas, e vamos poñer tecnoloxía LED para mellorar a iluminación nas pistas de pádel. Este é un investimento de 13.000 euros, dos que 10.000 son achega do propio Concello de Burela e 3.000 que aporta a Deputación Provincial”.

Ramiro Fernández dixo que “o obxectivo deste equipo de goberno con esta obra é seguir mellorando as instalacións deportivas para que a xente poida practicar deporte da mellor maneira posible. A previsión é que acaben entre mañá e pasado, co cal a partir da fin de semana xa se poderán usar. Ao principio o bote da pelota pode ser un pouco irregular porque a pista vai ter que asentar, pero desde que se xoguen dous ous tres partidos xa se poderá usar con total normalidade”.

Exit mobile version