Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello e a Semana Santa de Viveiro estiveron representadas no III Foro da Rede Europea de Celebracións de Semana Santa e Pascua

 Viveiro, 26 de setembro de 2019. No día de onte o Concello de Viveiro e a Semana Santa de Viveiro estiveron representadas no III Foro da Rede Europea de Celebracións de Semana Santa e Pascua, que se celebrou na localidade alicantina de Orihuela. O 1º Tenente de Alcalde, Jesús Fernández, e o Presidente da Xunta de Cofradías da Semana Santa de Viveiro, José Veiga, participaron neste acto xunto cos integrantes da asociación que se formou no mes de marzo na localidade portuguesa de Braga, onde se asinaron os estatutos e acta fundacional desta asociación, que ten como principal obxectivo acadar a denominación do I Interés Cultural Europeo da Semana Santa e Pascua.

As oito entidades que forman parte desta asociación: Malta; Braga; Caminos de Pasión; Fundación Federico II, de Sicilia; Orihuela; Skofja Loka, de Eslovenia; Lorca e Viveiro tomaron hoxe outro punto de partida para seguir nesta nova andaina co fin de acadar o I Itinerario Cultural Europeo.

Na orde do día da asamblea celebrada no día de onte incluíronse os seguintes puntos: lectura e aprobación da acta anterior; información sobre a alta da asociación no Rexistro Internacional de Asociacións e a apertura dunha conta bancaria; presentación das propostas para a elección da imaxe da marca, unha imaxe que vai representar a esta rede europea e que na, das tres presentadas, foi escollida a da Semana Santa de Braga; informe dun foro internacional que se celebrou en Visby, Suecia; requisitos do expediente da solicitude para a candidatura do Itinerario Cultural do Consello de Europa; información sobre a constitución dun Comité Científico, coas súas funcións, coordinación e funcionamento, así como a presentación de propostas para o plan de traballo e accións do comité científico; e aprobación da asignación de cotas por cada participante e o presuposto para 2019, que ten un importe aproximado de 22.500 €.

Hai que destacar, tal e como apuntou o Alcalde de Orihuela no recibimento que tivo lugar no Museo da Semana Santa desa cidade, que isto é un paso máis, unha marcha máis, para acadar este ansiado Itinerario Cultural e que é unha oportunidade para seguir unindo pobos e comarcas e, por outro lado, refrendar o tema cultural, o tema turístico e o tema, loxicamente, relixioso de cada comarca e de cada autonomía.

A seguinte proposta que hai feita é para participar en Fitur, xa para a presentación desta marca, e logo seguir traballando no expediente, que se prevé longo e cun traballo arduo, por eso se constituíu este comité ciéntifico e técnico. Esta asemblea supón un paso importante nesta andaina que empezou no mes de setembro de 2018 na localidade cordobesa de Lucena e que se refrendou, coa sinatura dos estatutos e da acta fundacional, no mes de marzo na localidade portuguesa de Braga, nas que o Concello de Viveiro, igual que nesta ocasión, estivo representando tanto a Viveiro como á nosa Semana Santa.

Exit mobile version