Ribadeo, 26 de setembro de 2019. O Concello de Ribadeo ven de emitir un Bando no que comunica que as listas electorais para os vindeiros comicios do 10 de novembro poderán consultarse desde o día 30 deste mes de setembro ata o 7 de outubro, ambos dous inclusive.
O Concello ribadense sinala que “co fin de asegurarse o dereito de sufraxio activo, as listas electorais correspondentes a este termo municipal, poderanse consultar no departamento de Estatística da Secretaría do Concello, entre os días 30 de setembro e 7 de outubro de 2019 ambos dous inclusive a través do sistema informático obrante na referida dependencia”.
No Bando engádese que “as reclamacións poderán formularse entre os mesmos días, ata as 14:00 horas do último día, enchendo o impreso que ao efecto se lle facilitará no Concello e aportando fotocopia do DNI, carnet de conducir, pasaporte ou tarxeta de residencia”.
O Concello de Ribadeo anuncia ademais que os electores da sección 1ª que ata as últimas eleccións votaban na Oficina de Turismo vella (parque municipal) votarán a partir de agora na Oficina de Turismo nova, na rúa Dionisio Gamallo Fierrros, 7.