Cervo, 7 de setembro de 2019. O BNG de Cervo denuncia o grave risco que pode supoñer iniciar o curso nun edificio en obras como parece que pretenden as autoridades educativas da Consellería de Educación, en tanto o goberno municipal do PP mantense calado e inactivo agora, a pesar de que foi o propio alcalde quen anunciou as obras á ANPA o 30 de abril, en plena precampaña electoral das pasadas eleccións municipais de maio.
Estaría ben ver ao alcalde tan rápido para ofrecer agora solucións como o foi para anunciar as obras na precampaña municipal
As obras, “moi necesarias despois de anos reclamándoas”, foron financiadas pola Consellería de Educación xunto con outras 21 noutros tantos centros educativos, e anunciadas por responsábeis de Educación poucas semanas antes das pasadas eleccións municipais e Europeas. Un anuncio ao que se sumou o daquela candidato á alcaldía e alcalde en funcións do Partido Popular, Alfonso Villares, quen reuniu á ANPA do centro e deu a boa nova dun investimento en melloras por algo máis dun millón de euros que se difundiu nos medios e nas plataformas de comunicación municipal. O portavoz municipal do BNG, Diego Fernández, afirmou que “o noso desexo sería ver agora a Alfonso Villares ofrecendo á ANPA e ao profesorado unha solución satisfactoria ao despropósito que supón o uso partidista do investimento público, e neste caso mesmo sen ter en conta o calendario escolar”
O comunicado emitido pola ANPA fai escasos días onde se describe un edificio en construción, sen os servizos mínimos de hixiene ou de comedor, con amplas zonas acoutadas polo perigo que supoñen para o alumnado, e a dúbida sobre o estado das instalacións non sexan as máis axeitadas para pasar a xornada escolar, “define unha situación, a menos dunha semana do inricio oficial do curso, na que se fai evidente que as obras non foron planificadas baixo criterios educativos senón outros”, remarcou o portavoz nacionalista. Aínda así a Consellaría de Educación insiste en manter o inicio das clases no edificio o día 11 nunha fuxida cara adiante para tapar a súa propia neglixencia, afirmou Fernández.
Diego Fernández denunciou “perigosidade” para o alumnado e a “falta de solucións por parte do goberno municipal e Xunta”
Fernández asegurou que “no meu caso, como usuario do centro, non vou poñer en perigo ao meu fillo”. A actuación da Consellería e o clamoroso silencio do alcalde son dunha irresponsabilidade extrema, no primeiro caso porque como autoridade educativa o seu deber é ofrecer á poboación galega un servizo de calidade que non se ofrece, e no segundo porque como rexedor municipal diante dunha situación como esta ten a obriga de responder e ofrecer solucións alternativas”.
O próximo día 11, as familias cervenses ímonos ver no dilema de, ou ben deixar aos nosos fillos e fillas nun edificio inseguro e perigoso, ou non mandalos ao colexio, alternativa que provocaría a imposibilidade da conciliación na maioría dos casos., rematou Fernández