Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Cervo solicita a convocatoria urxente da Comisión municipal de Patrimonio e Urbanismo, ante as denuncias de irregularidades nas obras xunto á sauna castrexa

 Cervo, 1 de setembro de 2019. Os concelleiros nacionalistas rexistraron este luns no Concello de Cervo a solicitude para que o Alcalde convoque coa máxima urxencia a Comisión de Urbanismo e Patrimonio que foi creada a petición do BNG no Pleno de organización celebrado en xuño. Solicitan esta convocatoria debido á gravidade das denuncias que se fixeron públicas a pasada semana a respecto das obras que teñen lugar na rúa do Faro da Atalaia de San Cibrao, no lugar onde apareceu a sauna castrexa.

Segundo esas denuncias as obras que se están levando a cabo afectan a unha zona de protección arqueolóxica e pode que se fixeran sen os controis legais necesarios. Ademais, puideron afectar ao patrimonio cultural e mesmo eliminar a protección que se fixo da sauna castrexa atopada nese xacemento.

Ante a gravidade destes feitos, o grupo Municipal do BNG considera necesario que o Goberno Municipal do PP dé explicacións dos feitos que se denunciaron, como responsable da obra e tamén como responsable do coidado do noso patrimonio.

Ademais, pode aproveitar esta comisión para explicar cales foron as razóns reais de que se procedese ao soterramento do xacemento da sauna castrexa sen rematar o seu estudo e escavación. Non resulta fácil entender que se fixera dun xeito tan apresurado, despois de ter sen actividade as obras durante mais dun mes. Completar o estudo da sauna non levaría mais que uns poucos días, segundo afirman os técnicos, e o custo económico sería perfectamente asumible. Para o BNG, ao igual que outros colectivos en defensa do patrimonio cultural do noso país, resulta inadmisíbel que un achado destas características sexa soterrado sen ter realizado previamente un estudo arqueolóxico pormenorizado que permita coñecer o seu valor e alcance mesmo tratándose, como é o caso, dun emprazamento complexo.

Tamén rexistrou o BNG no Parlamento Galego preguntas sobre este asunto. Neste mesmo sentido, o pasado 27 de agosto o BNG rexistrou varias preguntas no Parlamento de Galicia. Dado que a Xunta de Galiza ten competencias exclusivas na materia e calquera intervención que se leve a cabo nun ben catalogado ou na súa contorna debe ser autorizado previamente pola Dirección Xeral de Patrimonio, semella difícil de crer que a Xunta non fose coñecedora das obras que o Concello de Cervo está a desenvolver na Atalaia e o uso deste tipo de maquinaria para as levar a cabo o que torna ó Goberno galego, cando menos, en cómplice ou consentidor dos posíbeis danos que tivese sufrido o ben.

Exit mobile version