Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde de Foz insta á Xunta a financiar completamente un auditorio con dependencias adicionais para a Escola de Música e cines

 Foz, 18 de setembro de 2019. A corporación municipal de Foz tratará en pleno unha proposta do alcalde, Fran Cajoto, para instar á Xunta de Galicia ao financiamento completo dun auditorio con dependencias adicionais para a Escola Municipal de Música e cines.

O rexedor explica que con “esta proposta para tratar no seguinte pleno o que pretendemos é que todos os grupos municipais vaiamos unidos nunha dirección, que é lograr un auditorio para Foz. É unha infraestrutura moi demandada por todas as asociacións, é un déficit que temos nun concello de máis de dez mil habitantes e que teñen outros concellos da contorna, como por exemplo Burela. Se queremos realmente facer unha programación cultural axeitada, tamén en época de inverno, e traer eventos de calidade, temos que contar con esta infraestrutura. Temos un déficit tamén para a Escola de Música, con máis de 200 alumnos neste momento; unha Banda Municipal que cada día é máis importante; teatro afeccionado, como xa se demostrou en agosto o nivel que acadamos; e temos máis de 80 asociacións culturais e deportivas en Foz. Penso que temos que seguir apostando pola cultura e por servizos cada vez de máis calidade. E a pesar de que Foz ten moitas máis deficiencias, ten que amañar rúas, entradas, accesos, e demais, esta é unha infraestrutura moi demandada e que realmente necesitamos”.
Fran Cajoto engade que “do financiamento dun auditorio, hoxe en día, un Concello non pode se pode facer cargo. Sabemos todos que desde a lei orzamentaria con eses recortes, que fixo Montoro, os Concellos cada vez están máis limitados, e a Xunta de Galicia, como acontece en moitos lugares, como por exemplo en Lugo e agora recentemente comprometeuse en Ribeira e máis en Marín, está financiando na súa totalidade auditorios en distintos puntos de Galicia. Non queremos senón pedir o mesmo, non ser menos que ninguén e que ese financiamento tamén chegue a Foz. Necesitamos ese compromiso da Xunta e que se implique co noso concello e necesitamos que todos os concelleiros pidamos unha infraestrutura moi demandada como é ese novo auditorio”.
Ademais o alcalde focense aclara que “non existe a posibilidade legal nestes momentos de facer un auditorio no antigo asilo, como se propuxo por parte da anterior Alcaldía, dadas as limitacións do testamento da Fundación Martínez Otero”.

E o rexedor municipal tamén comenta que “hai outros moitos investimentos urxentes para Foz, como a nova depuradora, que ten asignación consignada desde hai varias anualidades, presupostando de forma reiterada a Xunta entre 300.000 e 500.000 euros neste último ano 2019, que non se fixeron efectivos”.

PROPOSTA DA ALCALDÍA DE FOZ PARA INSTAR Á XUNTA DE GALICIA AO FINANCIAMENTO COMPLETO DUN AUDITORIO CON DEPENDENCIAS ADICIONAIS PARA A ESCOLA DE MÚSICA E CINES EN FOZ

Dentro das funcións dun concello está a promoción da cultura. O avance e o progreso dun país é imposible sen un desenrolo cultural: a inversión máis rendable é aquela que se fai no ámbito cultural e educativo, xa que permite o desenrolo do cidadán en liberdade e permite a súa participación na comunidade á que pertence. Así, favorecer a diversidade das formas de pensar, de expresar e de comunicarse, posibilitar a promoción da actividade cultural, debe ser unha das prioridades que marquen a actividade política, xa que redunda no benestar, na cohesión e na unidade dun pobo.
O desenrolo de actividades culturais requiren de espazos apropiados que permitan unha programación axeitada, de forma que se xere unha atracción e resposta adecuada pola veciñanza.
Foz é un concello culturalmente moi activo. Dentro do ámbito musical, contamos cunha Escola de Música Municipal con máis de 200 alumnos en continuo aumento, con clases de percusión, vento e corda que posibilita tamén a existencia dunha Banda de Música que ten gran predicamento en toda a comarca. Así mesmo, ten gran relevancia o Festival Bal y Gay, que se converteu no programa de música clásica máis importante da Provincia de Lugo. No ámbito asociativo, existen en Foz máis de 80 agrupacións, moitas delas no ámbito musical: folclore e baile tradicionais, corais e grupos musicais de diversa índole.
É notoria a calidade e o interese do teatro en Foz. Son moitos os grupos de teatro afeccionado e de gran nivel, como se puido demostrar na Semana do Teatro Afeccionado do pasado mes de agosto, con actuacións memorables dos grupos Touporroutou, Axóuxeres, Pico do Castro, O Batán e A Adala, que congregaron a un gran número de espectadores en diversas prazas do Concello. Tamén é habitual a programación teatral do Concello con compañías profesionais, que permiten que durante os meses de outubro, novembro e decembro haxa alternativas de ocio cultural de calidade fóra da época estival para todos os veciños.
Entre os servizos culturais que perdeu Foz nos últimos anos destaca sobremaneira a ausencia dos Cines Hermanos Pequenete, que constituían unha alternativa de ocio fundamental para todas as idades.
O Estatuto de Autonomía de Galicia estable no Título II Das Competencias de Galicia, artigo 19, que é competencia da Comunidade Autónoma O fomento da cultura e da investigación en Galicia.
Así mesmo, a Lei 3/1988, de 27 de abril, de creación do Instituto Galego da Vivenda e Solo establece entre as súas competencias a obtención de reservas de solo para uso público e social.
A Lei 5/2016 do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, ten por obxecto, entre outras, a protección, conservación, acrecentamento, difusión e fomento do patrimonio cultural, correspondéndolle á Xunta de Galicia segundo se desprende do artigo 2 a competencia exclusiva sobre o patrimonio cultural de Galicia.
Dado o contexto actual e as limitacións presupostarias dos concellos, con escasa ou nula capacidade de endeudamento desde a famosa Lei de Estabilidade Orzamentaria, é obrigado que sexa a Administración Autonómica da Xunta de Galicia a que ofreza financiamento para acometer unha infraestrutura fundamental para o desenrolo cultural de todos os cidadáns.
É público e notorio que a Xunta de Galicia financiou na súa totalidade diversos auditorios, como o de Lugo –que conta con diversas aulas, Escola de Música, etc – e hai diversos compromisos de financiamento de auditorios na súa totalidade neste mesmo ano 2019, como o novo auditorio de Ribeira na provincia da Coruña ou o de Marín na de Pontevedra.

Por todo o anteriormente exposto esta Alcaldía propón, previo ditame da Comisión Informativa, a adopción do seguinte ACORDO:

1.- Solicitar á Xunta de Galicia e concretamente á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda o financiamento completo dun auditorio para Foz, acorde ás necesidades culturais dos veciños: un edificio dotacional que inclúa unhas dependencias axeitadas para a Escola de Música Municipal e que permita recuperar coas salas adecuadas uns cines para Foz.

Exit mobile version