Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, está satisfeito do resultado do pleno celebrado este xoves. Foi aprobada a proposta para reclamar á Xunta a construción dun auditorio

 Foz, 27 de setembro de 2019. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, está satisfeito do resultado do pleno da corporación municipal celebrado na tarde noite de onte. Na sesión foi aprobada a proposta para reclamar á Xunta de Galicia a construción dun auditorio na vila.
O rexedor municipal fixo unha valoración positiva do pleno: “estamos moi contentos do pleno de onte, que foi longo, con moitos puntos a tratar. Levamos varias propostas da Alcaldía, algunhas defendidas polos compañeiros do BNG Gema Méndez e Iago Villamil e outra de cara a rexeitar eses crimes de mulleres que nos asolan todos os días e dos que temos casos recentes, que foi defendida por Verónica Peña e aprobada por unanimidade. Aprobamos tamén unha proposta da Alcaldía de cara á Travesía Ría de Foz, un evento deportivo moi importante, con moito arraigo, para que sexa declarado de interese turístico de Galicia, para o que imos iniciar os trámites. Ademais aprobouse outra proposta para que a Xunta de Galicia aclare dunha vez por que a inspección educativa prohibiu, nas anteriores eleccións municipais, un debate electoral co que estaba de acordo todo o equipo directivo do IES de Foz, estaban moi implicados os alumnos, íamos ir todos os grupos municipais a ese debate, e de boas a primeiras anulouse por parte da inspección educativa. Cremos que a educación ten que ser en democracia, ten que ser en liberdade; se estamos formando cidadáns temos que formar persoas con espírito crítico e é importante que nos trasladen a súa opinión e as súas inquedanzas”.
Fran Cajoto engadiu que “tamén se aprobou, por unanimidade, unha moción para reclamar á Xunta de Galicia que non elimine ese técnico na ambulancia medicalizada pois a de Foz é a única ambulancia medicalizada de toda Galicia na que se reduce persoal; e neste caso aínda encima co hándicap que temos do espazo rural, onde sempre é máis complicado chegar ás vivendas e ás persoas. Entendemos que calquera emerxencia sanitaria é idéntica en calquera punto e máis cando é un medio rural, entón necesitamos esa dotación completa porque estamos poñendo en risco vidas. Tamén levamos a pleno unha proposta da Alcaldía para ir toda a corporación unida e reclamarlle un auditorio á Xunta de Galicia. Neste senso o Partido Popular, como no resto do pleno, actuou de maneira partidista, reclamando unha ubicación e que se impliquen outras administracións. Pero o Concello de Foz non ten capacidade orzamentaria para desenvolver un proxecto tan importante, a Xunta de Galicia é a administración competente, non porque o digamos nosoutros desde o equipo de goberno senón porque así o din as competencias no estatuto de autonomía de Galicia e en diversas leis de promoción cultural. Tamén porque financiou outros auditorios, o de Lugo na súa totalidade, incluso os propios terreos que eran do Instituto Galego de Vivenda e Solo, e ten comprometidos mesmo neste ano 2019 auditorios novos financiados por completo doutros concellos, como Ribeira, na Coruña, ou Marín, na provincia de Pontevedra. Cremos que en Foz, o segundo concello por poboación máis importante da Mariña, despois de Viveiro, o único dos concellos grandes que non ten auditorio, é unha infraestrutura demandada por todos os partidos políticos, temos que ir todos a unha para buscar ese financiamento. Pero o Partido Popular tivo outra vez un afán partidista e realmente non se pon de cara con toda a corporación”.
Atrancos do PP
Cajoto manifestou tamén que “o que está facendo o Partido Popular é poñer paus nas rodas, atrancos á tarefa de goberno, e o portavoz do PP e ex alcalde nin sequera pasou pola Alcaldía, a pesar de que llo solicitei eu mesmo, para darme traslado dos asuntos importantes pendentes, o que sería de normal traballo nunha transición. Iso o que demostra é que lle importan máis as siglas que o Concello e que os veciños porque o normal sería que traballáramos colaborando todos; e máis cando se pasa dunha Alcaldía a outra”.
O alcalde de Foz comentou ademais: “vimos tamén este afán partidista nunha moción do Partido Popular respecto á depuradora. Nosoutros levamos a pleno a ampliación dunha addenda, que o que provoca é aumentar cunha prórroga dun ano o prazo de construción, porque a Xunta de Galicia non fixo os seus deberes, un anteproxecto anterior tombouse e este está en fase de alegacións. En vez de reclamarlle esa dilixencia á Xunta de Galicia, en vez de solicitarlle a Augas de Galicia que apure os trámites, que acelere as alegacións porque agora mesmo a EDAR está no tellado de Augas de Galicia que ten que resolver esas alegacións, pois reclama ao equipo de goberno no Concello de Foz que non bloquee ese expediente. Isto é sorprendente, intenta crear unha opinión infundada nos veciños de Foz, dicindo medias verdades ou falsidades, e facendo xuízos de opinión do que pensa o equipo de goberno ou deixa de pensar. O que importan son os feitos, que o proxecto agora mesmo está en fase de alegacións de Augas de Galicia e que o equipo de goberno do Concello de Foz trouxo unha addenda para ampliar o prazo porque así se solicitou e non se está bloqueando nada. O que estamos facendo é fiscalizar, e denunciar todas aquelas irregularidades, anomalías ou fallos que vemos no anteproxecto para que se subsanen, para que no proxecto de construción estean completamente resoltas e que sexa viable e efectivo e dunha vez se solucionen os problemas de depuración en Foz. Simplemente queremos traballar de cara aos veciños”.
O rexedor municipal rematou agradecendo “a asistencia ao pleno a aqueles que o estiveron a ver” e pide desculpas porque “por unha avaría na radio municipal non se puido emitir en directo, aínda que foi gravado para que poidamos emitilo en canto eses problemas técnicos estean resoltos”.

Exit mobile version