O equipo técnico da Consellería, en coordinación coas empresas adxudicatarias das obras e cos equipos directivos dos centros, deron prioridade ás obras que afectan ao interior das instalacións, aulas e espazos docentes precisamente para que estean listos de cara ao inicio do curso. Poden continuar algúns traballos no exterior (fundamentalmente as fachadas dos centros) ou pequenos remates no interior das instalacións, que en ningún caso interferirían na actividade ordinaria dos colexios.
Os equipos directivos dos centros informan puntualmente á comunidade educativa (nais, pais e alumnado) sobre o calendario, datas e horarios relativos ao novo curso que, cómpre insistir, non están previsto que sufran ningún cambio.
O Goberno galego está a facer un importante esforzo inversor nestas tres obras, con achegas que superan o 2,6 millóns de euros, con cargo aos fondos do superávit 2018
As contías desgregadas son as seguintes:
•No CEIP Nº 1 de Foz: 943.380,87 euros (contía de adxudicación) a cargo da empresa OGMIOS PROYECTO, S.L.
•No CEIP de Cervo: 815.989,38 euros (contía de adxudicación) a cargo da empresa OGMIOS PROYECTO, S.L.
•No CEIP Virxe do Carme de Burela: 860.297,90 euros (contía de adxudicación) a cargo da empresa CONSTRUCCIONES JESUS NARAY, S.L.