Site icon Crónica3.com A Mariña

Lete Lasa presenta a Semana Abanca como “o maior evento deportivo náutico de España que une os nosos deportes máis tradicionais cos nosos espazos máis prezados”

 Vigo, 3 de setembro de 2019-. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación da Semana Náutica ABANCA 2019 que bota andar esta fin de semana para botar o pano o vindeiro 9 de novembro e que contará coa participación de 3.000 deportistas. Nestes máis de dous meses de duración, celebraranse doce ciclos competitivos con cinco campionatos galegos (kayak mar, kayak pista, navegantes solitarios, vaurien e esquí náutico) financiados pola Xunta de Galicia a través das federacións deportivas das catro modalidades do evento: vela, remo, piragüismo e esquí náutico. A Xunta de Galicia, ademais, financia directamente a Semana Náutica cunha achega de 4.000 euros, o que representa un incremento do 33% con respecto a 2018 e do 166% con respecto a 2017.

Lete Lasa destacou que as federacións destes catro deportes en Galicia suman case 10.000 licenzas federativas e que neste último ano medraron o seu financiamento autonómico en máis dun 50% chegando a case un millón de euros. Ademais, no que respecta ao remo, a vela e ao piragüismo, “42 deportistas galegos defenderon a bandeira española nas Olimpíadas ao longo da historia acadando un total de 13 medallas, das 19 que temos en total”.

O secretario xeral destacou a Semana Abanca como un dos maiores eventos náuticos que ademais, axuda a desestacionalizar o turismo galego sendo considerado ‘Evento Estratéxico nº1 do Deporte de Galicia’. Nas súas verbas lembrou o apoio da Xunta desde o primeiro día a un evento que naceu no ano 2000 e que definiu como “o maior evento deportivo náutico de España que une os nosos deportes máis tradicionais cos nosos espazos máis prezados”.

Asemade, o secretario xeral entregou o título de comodoro da Semana Abanca á tudense Silvia Pequeño, campioa de España de esquí náutico (slalom), un nomeamento que tamén recibiron Iván Alonso, tres veces campión do mundo e cinco veces de Europa de piragüismo (maratón); Martin Wizner, dúas veces campión do mundo de vela e unha vez a nivel europeo (420); e Rodrigo Conde, campión do mundo de remo olímpico (2x).

Doce ciclos, cinco campionatos galegos da Xunta
O primeiro ciclo (7 de setembro) terá lugar na pista olívica da ETEA e acollerá o Campionato Galego Kayak de Mar – Xunta de Galicia.

O segundo ciclo (7-8 de setembro) terá lugar na pista de Barra de Miño e acollerá o Campionato Galego de Esquí Náutico – Xunta de Galicia.

O 14 e o 15 de setembro o campo de regatas da ría de Vigo acollerá os Clasificatorios 420-Láser, Campionato Galego de Vaurien – Xunta de Galicia no que será o terceiro ciclo da semana.

O cuarto ciclo desenvolverase o 21 de setembro na ETEA para disputar o Campionato Galego Kayak Pista.

O quinto, o 22 de setembro, será os Cruceiros, A2, Solitarios e J80 no campo de regatas da ría de Vigo.

O 5 e o 6 de outubro levarase a cabo o sexto ciclo no campo de regatas da baía da Coruña e será o Lexús Breogán de 420 – Regata Clasificatoria así como o Campionato Galego de Navegantes Solitarios e A2.

Do 11 ao 13 de outubro, o sétimo ciclo, realizarase a Copa de España J80 Lexus Breogán no campo de regatas da baía da Coruña.

O 19 de outubro será a quenda do ciclo 8 -Copa do Cantábrico de Bateis- no campo de regatas da ría de Viveiro.

A regata de cruceiros a3 WOR60 será o noveno ciclo os 20 de outubro no campo de regatas da ría da Coruña.

O décimo ciclo será o 26 e 27 de outubro no campo de regatas das rías de Sada, Ares e A Coruña que acollerá a Regata Terras Gauda de Cruceiros.

O 8 de novembro disputarase o Trofeo de Remoergómetro Escolar no Pavillón Municipal da Raña no que será o undécimo cilo e, por último, o duodécimo porá en xogo a Copa Galicia de Bateis que será o 9 de novembro no campo de regatas da ría de Pontevedra e Marín.

Exit mobile version