Site icon Crónica3.com A Mariña

“Incumprimentos do PSOE coa Mariña”, por Daniel Vega

Teño que recoñecer que me resulta asombroso como os socialistas demandan no Parlamento, unha e outra vez, a necesidade de priorizar o gasto en asuntos sociais e logo os seus compañeiros de filas en Madrid nos reteñen cartos que nos pertencen e que, precisamente, lle poden servir á Xunta de Galicia, á Deputación e aos Concellos a aumentar o gasto na atención á terceira idade, en melloras na Educación ou na Sanidade… vamos a eses asuntos sociais que tanto reclaman…

Digo isto, porque considero importante, que os mariñanos deben saber que é Pedro Sánchez –ese presidente que non foi quen de formar goberno- o que nos está retendo os ingresos pola participación en tributos como o IVE ou o IRPF.

Para que todos os veciños o saiban, se a actualización das entregas a conta non se soluciona este ano, tanto a Comunidade, que ten uns 700 millóns de euros pendentes en entregas a conta e liquidación-, como a entidade locais, non disporán desta cantidade ata 2021 polo menos, pois a liquidación realízase, a dous anos vista.

O PSOE non cumpriu e, no escenario actual, polo que se ve, tampouco o vai a facer proximamente. Pedro Sánchez está incumprindo coas súas obrigas legais e faino a sabendas de que, se fose responsable, podería ordear estes ingresos xa antes das primeiras eleccións mediante un decreto-lei.

Os Concellos atravesan así, unha situación moi semellante á das Comunidades, pero é que, ademais, afrontan un segundo bloqueo que fai disparar o desfase entre os fondos presupostados e os realmente ingresados, como é que deben facer fronte tamén á suba de salarios dos empregados públicos á que deu luz verde o sanchismo.

Con este panorama, non moi alentador –por certo-, o PSdeG, e máis concretamente a deputada autonómica e secretaria provincial, Patricia Otero, e o seu secretario xeral e agora tamén deputado no Parlamento, Gonzalo Caballero, lonxe de traballar e presionar por unha solución, póñense de perfil e decidiron non facer nin pedirlle nada ao seu xefe de filas na Moncloa. Tal é así que, na reunión celebrada en Ourense en días pasados, alcaldes e presidentes das deputacións, o unico que fixeron foi criticar ao Partido Popular; cuestión que, por outra banda, nada me sorprende, pero que, cando menos, deixa moito que desexar porque, repito, estes fondos son precisamente para pagar a Sanidade, a Educación e os servizos sociais en xeral.

Esta morosidade do Executivo de Pedro Sánchez lévame a concluír, novamente, e créanme que esa non é a miña intención, que nada lles debemos aos gobernos socialistas. Fronte a isto, que fai o Goberno de Alberto Núñez Feijóo pola Mariña? Mellora os nosos colexios, aínda que isto poida traer algunha que outra molestia, paga na súa totalidade o servizo de Axuda no Fogar e investiu 14 millóns na ampliación do noso hospital. Ao meu modo de ver, isto é un Goberno que xestiona; o de Sánchez, como acabo de explicar, un Goberno moroso.

Daniel Vega
Deputado no Parlamento de Galicia

Exit mobile version