En serio que o novo líder europeo da socialdemocracia e o líder da nova política rupturista non foron quen de artellar un goberno? Pois semella que non. Esta situación de irresponsabilidade dos líderes da esquerda supón un novo mach ball para o estado e un freo nas accións de goberno necesarias para o día a día da xente.
Entramos pois de cheo no club da inestabilidade democrática e política en Europa o que ven a significar como primeira peaxe a falta de confianza dos inversores na nosa economía e situación de inseguridade legal, como mostra a situación das empresas electro intensivas galegas con Alcoa ao fronte, non terán estabilidade xurídica ata dentro dun ano, pode unha multinacional estar en risco un ano? Poden os traballadores estar un ano ameazados pola deslocalización? Este é un dos moitos danos colaterais dos egos de Pedro e Pablo, e da falta de critica en PSOE e UP.
A interinidade política e de xestión vai ser unha lousa grande na próxima recesión que se achega e tristemente os chamados lideres da clase social máis ampla non foron quen de gardar as súas posicións partidarias para a defensa do común, e poñer os mecanismos de protección das persoas. Penso e pensamos todos, que o fácil era pactar un calendario de medidas e de accións de goberno como acontece en Europa, pero xa se sabe “Spain is different”.
Nembargantes para Galicia ofrecese unha nova oportunidade de ter voz en Madrid, mais para iso non val a receita de Pedro e Pablo, non é de recibo defender neste momento posicións partidistas e partidarias. As forzas galegas teñen que sumar e ser xenerosas para xuntar neste novo horizonte do estado, a sensibilidade nacional galega nun só aparato para xogar na liga do Congreso. A vella desculpa das portas abertas ou do respaldo máis grande non pode ser efectiva. Por separado non imos estar e xuntos podemos demostrar a madurez precisa e unha forma efectiva de defender a axenda galega, sendo chave na conformación de futuros gobernos. Toca estar e toca ser, Galicia non pode perder máis opcións.
Pode ser que desta se forme goberno, aínda que pode ser tamén un paso cara outras e outras eleccións ata que o bipartidismo estatal consiga o que pretende, outra vez a súa hexemonía.