Durante os primeiros días en Turquía os dous alumnos están acompañados pola coordinadora Erasmus do IES de Foz, Leticia Maseda, quen, dentro dunha Bolsa Erasmus de acompañamento, axudará aos alumnos a instalarse no país e colaborará co centro turco de hostalaría Sule Muzaffer Buyuk Mesleki ve Teknik Anadolu Lisesi, de Manavgat, socio Erasmus do IES de Foz, que titorizará aos alumnos en Turquía o resto da estancia. Un profesor deste centro, Onur Arlsan, visitará aos alumnos na empresa tres veces á semana e axudaraos a integrarse na vida do país, colaborando na procura do aloxamento, da empresa e nos desprazamentos.
Leticia Maseda explica que “o obxectivo destas actividades é principalmente o de aumentar a empregabilidade do alumnado e favorecer as súas perspectivas profesionais, ademais de mellorar a autocapacitación e autoestima, os coñecementos de linguas estranxeiras e ampliar a súa concienciación intercultural. Os resultados sempre son moi positivos para todos os participantes”.
Durante o mes de setembro realizaranse outras mobilidades de alumnado e profesorado no IES de Foz, dentro do programa Erasmus+. Haberá dúas a finais deste mes de setembro. O director do IES, Nicolás Asensio, e o noso inspector educativo, Javier Suárez, realizarán unha mobilidade na rexión de Baden- Wurtermberg, en Alemaña. Durante seis días visitarán centros de FP de hostalaría da comarca, para ver in situ como traballan e como funciona o sistema educativo alemán. Ademais visitarán empresas que colaboran coa FP Dual alemá. Tamén dentro do KA103 dúas alumnas do Ciclo Superior de Dirección de Cociña, Carlota Cuevas e Belén Poveda, traballarán en Italia durante dous meses. Realizarán prácticas no restaurante Osteria Al Becco Della Civetta, da nosa socia Erasmus María Antonietta Santoro, quen visitou o instituto de Foz en 2018 e acaba de abrir un novo restaurante en Matera, Capital Europea da Cultura en 2019.