Burela, 30 de setembro de 2019. Do 7 ao 23 de outubro terá lugar en Burela un cursiño para axudar a preparar a proba de coñecementos constitucionais e socioculturais de España para a adquisición da nacionalidade española. A novidade desta edición será que se impartirá en horario de tarde.
O Programa de Inmigrantes da Concellería de Inmigración e Cooperación organiza este curso, que está financiado pola Consellería de Política Social e polo Fondo Social Europeo.
A edil Angélica Gómez explica que “a temática é coñecer o Goberno, os poderes e institucións do Estado, as leis fundamentais e os mecanismos de participación cidadá, así como os dereitos e deberes que comportan a nacionalidade española e o coñecemento da organización territorial e xeografía física e política de España. Danse a coñecer as tradicións, aspectos culturais e feitos históricos españois relevantes, así como distintos aspectos da vida cotiá e comportamento en sociedade e coñecemento sobre os distintos trámites administrativos por España”.
A concelleira de Inmigración e Cooperación engade que “con esta formación trátase de axudar a preparar a mencionada proba esixible para a obtención da nacionalidade española. O cursiño terá unha duración de 50 euros e será impartido do 7 ao 23 de outubro en horario de tarde de 16 a 20 horas en dependencias do Concello de Burela”.
As persoas interesadas poden solicitar máis información na Casa do Concello ou chamando ao seguinte número de teléfono: 982 58 60 00.