Site icon Crónica3.com A Mariña

De Olano asegura que “os populares traballamos polos lucenses e galegos dende Madrid” e acusa aos socialistas de “estar en Lugo, pero traballar por Pedro Sánchez”

Lugo, 8 de setembro, 2019. O vicesecretario de Participación do Partido Popular e deputado no Congreso por Lugo, Jaime De Olano, asegura que “se pode traballar polos lucenses e polos galegos como facemos os deputados e senadores do PP”, pero tamén se pode “estar en Lugo e traballar unicamente por Pedro Sánchez”.

Así o expón o deputado popular ao entender que “a Sra. Otero volve a insistir en que se ten que elixir entre os lucenses e Pedro Sánchez, elixe servir ao seu xefe Sánchez. É unha lástima para os lucenses ver como por máis cambios que se produzan no PSdeG da nosa provincia, a actitude é sempre a mesma: palabras grosas, mala educación e pouco ou nada máis que sexa útil para os lucenses”.

De Olano asegura que “a Sra Otero demostra, unha vez máis, dúas cousas: que non leu o informe fantasma da Abogacía do Estado que non está a disposición dos Grupos Parlamentarios do Congreso; nin tampouco o informe dos servizos xurídicos da Xunta que aportan solucións xurídicas e legais á actualización das entregas a conta á Comunidade Autónoma e a PIE (Participación dos Ingresos do Estado) aos Concellos”.

Coas súas palabras, “enténdese que Patricia Otero acusa tamén a Page, a Ximo Puig ou a Lambán de desbarrar e descoñecer a legalidade” porque “os presidentes socialistas de Castela A Mancha –onde foi aprobada unha resolución esixindo que se transfiran eses fondos-, da Comunidade Valenciana ou Aragón si se puxeron do lado dos seus veciños e reclaman o mesmo que o PP”, engade o popular.

“Dende o PSdeG néganse a buscar solucións, só serven a Sánchez”
Para o vicesecretario de Participación do PP, “a Sra. Otero, no seu afán por negarse a todo o que incomode a Pedro Sánchez, rexeita a posibilidade de reunir ao Consello de Política Fiscal e Financeira para buscar entre a Comunidade Autónoma e Estado unha solución á retención do diñeiro dos galegos” e á Comisión Nacional da Administración Local respecto dos Concellos da provincia e da Deputación Provincial. “Dende o PSdeG deixan así ben claro que non lles importa nada buscar solucións entre todos e que só serven a Sánchez”, afirma De Olano.

“Conxelar as entregas a conta é confundir o touciño coa velocidade”, considera o popular; xa que “Hacienda xa ten ese diñeiro nas súas arcas; eses cartos pertencen ás Comunidades Autónomas e entidades locais, non ao Ministerio de Hacienda; e, ademais, o envío aos seus verdadeiros destinatarios non xera un gasto novo que puidese hipotecar aos futuros Gobernos”.

Ante esta situación, o deputado do Partido Popular pregúntase “se o verdadeiro obxectivo do Ministerio de Hacienda é afogar ás CC.AA. para provocar a investidura de Sánchez”. De Olano entende que “a dirixente do PSdeG en Lugo teña que defender o indefendible”, pero que “busque argumentos más cribles”.

Exit mobile version