Site icon Crónica3.com A Mariña

“Das oito da mañá á democracia”, por Antonio Gregorio Montes

Informe positivo do concello de Ribadeo. Enterámonos que foi dado cando a propaganda de ACISA Ribadeo nolo comunica pola prensa para lamentar que non se amplíe o horario de apertura de establecementos nouturnos durante todas as festas ata as 8 da mañá. Coido que unha pregunta que cabe facerse é: a quen ou que consultou o concello (o informante do concello) para facer un informe positivo a favor de tal medida?

O anterior leva con facilidade á historia do inexistente regulamento de participación cidadá de Ribadeo. Inexistente non por pedido, pois despois de serlle presentado propostas ó concello por parte da AVV O Tesón, sen contestar, o concello sacou da manga un refrito no que mesmo incluía o nome de Santiago a máis de ser máis ben un regulamento de participación empresarial. Foi alegado, sen facerlle caso ás alegacións, e, tras pasar a aprobación inicial e ser alegado, non se voltou votar, quedando a cousa así ata o de hoxe. Polo medio houbo outras peticións de reactivación.

Claro que, de calquera xeito, non parece facer falta o regulamento para levalo a cabo: por unha banda, estamos tendo campañas para que compremos en Ribadeo dirixidas ós ribadenses e pagadas en parte por nós, a traverso de Xunta e Concello, mentres os cidadáns de a pé ven reducida a participación á votacións cada catro anos despois de longo tempo, e por outra, mentres, ás asociacións veciñais se lles aplicaba a invisibilidade dende os poderes públicos (iso si, menos cando conviña ás iniciativas deses mesmos poderes), algo do que se poden dar múltiples referencias.

E así, chegamos ó tema de novo, fixándonos no feito curioso de que a patronal insista (e non é a primeira nin a segunda vez) en que o aumento do horario de apertura é só para establecementos asociados. Cabe preguntar polo que distingue a ditos establecementos, a máis da lista que segundo parece teñen as forzas de orde público, que parecería unha lista para obrigar a apuntarse na asociación. Curiosidade pois coido que toda concesión vai aparexada cunhas obrigas, e que se é concedido á asociación algún privilexio, caso de ser legal esa discriminación, terá como contrapartida que a asociación vele tamén para extremar as medidas que eviten molestias á poboación. Iso non se deixa ver nas notas de propaganda.

Hai moito tempo que nun un deses informes favorables do concello dicía sinxelamente iso, que o informe era favorable, sen argumentación ou base algunha. Pregúntome se seguirá a ser así -témome que si- e se o modo de informar será xeralizado, afectando por exemplo tamén ás subvencións de que se beneficia a propaganda.

Volvendo ó tema relacionado da participación cidadá, onde vai aquel ‘fala, pobo, fala’ da estrea da democracia? Polo que parece, ninguén ten interese, nas institucións, pero tampouco moito no pobo. Iso si, logo haberá quen se queixe de que pode haber unha ditadura.

Para non alongar moito, unha última pincelada. Na polémica mantida entre ACISA e Comisión de festas e falta de apoio da asociación á Comision, os motivos alegados por ACISA non foron que as festas non son incumbencia da patronal, senón que o mercadillo vai contra os seus intereses. Suponse que as festas, esas para as que se pediu ampliación de horario, tamén vai contra os seus intereses? Vense á memoria aquelo de que ‘o que é bó para a General Motors, é bó para os EEUU’ (What is good for GM is good for America), dito, claro, polo presidente da GM daquel tempo. Quedou demostrado que non ten por que ser certo.

Exit mobile version