Compostela, 10 de setembro, 2019. O deputado mariñán do PP no Parlamento galego, Daniel Vega, únese á “fronte común” que lideran os populares da nosa provincia para evitar que se produzan despedimentos na planta de Alcoa en San Cibrao ante a “desidia” demostrada polo Goberno en funcións que “incluso incumpre moitos dos seus anuncios a este respecto e da que é cómplice tanto o PSdeG coma o PSOE lucense que onte se reunían co comité de empresa sen garantir ningunha solución á viabilidade da planta mariñá”.
Vega formulará, así, unha pregunta na sesión plenaria deste mércores do Parlamento galego sobre as actuacións que está a levar a cabo a Xunta de Galicia diante do Goberno central para o mantemento da actividade da industria electrointensiva, en especial, a da planta de Alcoa en San Cibrao.
O representante do PP da Mariña na cámara autonómica únese, deste xeito, ao resto de compañeiros representantes do PP noutras cámaras e corporacións como son os Concellos da zona e a Deputación Provincial na presentación de distintas iniciativas para urxir ao Executivo a aprobación inmediata do Estatuto do Consumidor Electrointensivo que dote dunha estabilidade ao prezo da enerxía eléctrica e, polo tanto, contribúa a garantir a viabilidade económica, empresarial, industrial e laboral da planta mariñá.