Site icon Crónica3.com A Mariña

Convocado para o día 12 o Pleno no que se acordará a disolución de SUPLUSA

Lugo, 6 de setembro de 2019. Cumprindo coa data prevista, o Presidente da Deputación, José Tomé, convocou hoxe o Pleno extraordinario no que se acordará a disolución da Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA) para o vindeiro xoves, día 12, ás 11.00h. A convocatoria prodúcese despois de que esta mañá tivesen lugar as comisións informativas de Asuntos do Pleno e de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas que é preceptivo celebrar antes da sesión.

Ademais do inicio do procedemento que desembocará na extinción da sociedade mercantil, no Pleno extraordinario tamén se inclúen dous asuntos económicos, que igualmente foron abordados polos deputados nas comisións informativas de hoxe. Trátase, por unha banda, da aprobación dun Plan Económico Financeiro (PEF) que a institución provincial debe aplicar por superar no exercicio 2018 a denominada regra ou teito de gasto, isto é, o límite anual de investimentos establecido para as administracións públicas pola lexislación estatal.

Trátase dun desaxuste conxuntural entre gastos e ingresos non financeiros, que, segundo reflicte o PEF, se corrixirá na liquidación do ano 2020, e que estivo provocado, tal e como recolle o informe do servizo provincial de Intervención, pola execución dos investimentos contemplados no Plan Extraordinario de Rehabilitación de Firmes de Vías Provinciais 2017-2019, financiado con unha operación de crédito por importe de 15M€; pola execución de residencias da terceira idade, polos incrementos salariais do persoal dos parques de bombeiros e pola incorporación de gasto á Deputación tras a extinción da Fundación TIC. O PEF implica que o organismos provincial se compromete a respectar o límite de gasto marcado polo Estado neste 2019 e no 2020.

Por outra banda, no Pleno inclúese a aprobación dun expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito para o pago de 6 facturas de subministro de materiais para a Granxa Gayoso Castro por importe de 74.712,40€ correspondentes aos anos 2016 e 2018.

Exit mobile version