Ribadeo, 18 de setembro de 2019. Co inicio de curso académico comezan as actividades vinculadas á promoción dos valores que deben imperar na sociedade actual e cos cales se quere impregnar ao estudantado dos centros educativos do Concello de Ribadeo. As Áreas involucradas son as de Cultura, Mocidade, Medio Ambiente, Prevención de Drogodependencias e outros Trastornos Aditivos e Igualdade.
Segundo explica a concelleira de Igualdade, Ensino e Mocidade, Mariluz Álvarez Lastra, “se lles ofertan a todos os centros educativos de Ribadeo actividades dirixidas tanto ao alumnado de Primaria como ao de Secundaria e ao de Formación Profesional. Continúan espectáculos de pequeno formato na Biblioteca Municipal dentro do programa Ler conta moito,que este ano contará con algunha sesión máis, xa que a Biblioteca foi beneficiaria de varias representacións que traballan a igualdade de xénero obxecto de subvencións resultantes do Pacto de violencia de xénero do Estado”.
A edil ribadense contou que “de feito, o primeiro espectáculo comezará este venres, 20 de setembro, ás 11.30 horas na propia Biblioteca co alumnado de 1º de Primaria dos Centros Colexio Público Gregorio Sanz e Colexio Sagrado Corazón de Xesús. Por outra banda, o programa de centros literarios que consiste en traer a visita dalgunha escritora/escritor dun libro en galego cuxa lectura estea programada nese curso, esténdese este ano a Primaria (o pasado curso só tivo lugar en Secundaria). E tamén desde a Área de Cultura van proxectar o filme de Oliver Laxe O que arde. Contarase tamén cunha representación teatral de language planning, que ven escenificar a obra de Sechu Sende Made In Galiza”.
Álvarez Lastra subliñou que “como novidade este curso haberá un obradoiro de improvisación oral (de regueifas). Desde a Área de Igualdade ofertaranse un total de 12 talleres aos cursos de 6 de infantil, 3º e 5º de Primaria, nos que se traballará a igualdade de xénero por medio da narración oral e os contos. Tamén traeremos por primeira vez un espectáculo de maxia en igualdade”.
A concelleira de Igualdade engadiu que “o programa estelar será o proxecto coeducativo que se denomina EU quero ser coma…. Este proxecto está dirixido a todo os cursos de Primaria coa finalidade de visibilizar referentes femininos, modelos de mulleres para que elas se podan ver reflectidas, para que as nenas teñan aspiracións a ser o que lles guste e para que os nenos perciban que unha muller ten as mesmas capacidades que un home. O resultante final será darlle un nome feminino a todas as aulas do cole. Desde a Área de Medio Ambiente levarase a cabo unha campaña de compostaxe e desde Mocidade ofertarase o curso de monitor/a de actividades de tempo libre e o Programa KTORCE-18 (Programa de prevención de condutas infractoras) que consiste nunha charla divulgativa dirixida ao alumando da Eso do programa. E continuarase cos programas de habilidades para a vida dirixido a 5º e 6º de Primaria, co programa de educación afectivo sexual para 3º e 4º da Eso promovidos pola Área de Prevención de Adiccións e outros Trastornos Aditivos. E haberá máis cousas das que vos iremos informando puntualmente”.