Sr Presidente da Xunta de Galicia
D. Alberto Núñez Feijóo
Estimado Presidente.
Leo con atención nos medios de comunicación a súa misiva aberta, que me envía a modo de resposta, á nosa petición de xuntanza con vostede por parte dos alcaldes de Trabada e Ribadeo.
Non entendo moi ben o proceder na comunicación da mensaxe, pois a día de hoxe non entrou formal nin informalmente a súa comunicación pola canle pola que as administracións nos comunicamos, isto é, por rexistro oficial. En todo caso, ao vostede querernos comunicar a súa mensaxe ao tempo que a toda a cidadanía, pois eu escollo o mesmo xeito de resposta cordial.
Quedo en primeiro lugar agradecido pola felicitación do meu recente nomeamento como Alcalde de Ribadeo, despois de renovar a confianza maioritaria dos homes e mulleres deste nobre Concello. Asegúrolle que habemos seguir traballando coa mesma lealdade á nosa cidadanía que até agora.
Mais aló destes cumpridos, vexo que me indica a variada normativa pola que, segundo vostede, os Concellos nos debemos de converter en pequenas cidades-estado e resolver os problemas básicos cos nosos medios, e en troques, a Xunta de Galicia pouco máis pode que dar ánimos, folgos e, se cadra, algunha axuda puntual.
Fala, entre outras cuestións, da gracia que a Xunta concedeu a Ribadeo coa construción dunha depuradora. E é ben certo, mais non foi curiosamente no seu goberno, senón no bipartito anterior. Debo lembrarlle que o goberno que vostede preside tan só asistiu ao acto de inauguración no ano 2009, poucos días despois de ser vostede investido presidente de tódolos galegos e galegas. E, como saberá, o custo da xestión desa explotación é pagado con cargo ao canon de saneamento ao que todos contribuímos, polo que non saen os recursos de partidas de investimento da súa administración.
Continua vostede no seu escrito manifestando que, segundo o informan desde Augas de Galicia, no ano 2014 a Xunta de Galicia ofreceu a súa axuda, e este Concello non actuou de xeito correcto, pouco menos que rexeitándoa.
Supoño que non crerá sinceramente que un asunto tan importante como o abasto de auga, no que levamos traballando sen descanso cando menos desde o 2007, e solicitando axuda a diferentes gobernos autonómicos, ía ser despachado sen máis cunha desatención palmaria pola nosa parte.
Debo dicirlle con pesar, que eses servizos que o asesoran informárono mal nesta ocasión. O único que nos pediu Augas de Galicia en escrito recibido o 11/12/2014 con relación a un proxecto para a construción dun depósito, foi a certificación urbanística dos terreos da previsible situación, algo que dilixentemente mandamos de xeito inmediato, xunto con outras observacións das deficiencias observadas polos técnicos municipais sobre o proxecto que a Xunta tiña redactado.
Con todo e aínda que non nolos pediran, como en Ribadeo gústanos facer as cousas o mellor posible, iniciamos igualmente os trámites para expropiar os posibles terreos da situación do novo depósito, proceso que comezou coa aprobación definitiva do PXOM no ano 2014, no que se vinculaban a esa finalidade. A expropiación en si rematou co acordo do Xurado de Expropiación de Galicia de 25/04/2019.
O certo é que nunca máis soubemos nada formalmente das nosas suxestións técnicas enviadas para mellorar o proxecto técnico en cuestión, ou mesmo da “suposta” petición dos terreos por parte da Xunta de Galicia ao Concello de Ribadeo. Pode revisar, se así gusta, o rexistro oficial do concello para comprobar a veracidade desta afirmación.
Supoño ademais, á vista da súa misiva, que os gabinetes que lle redactaron os informes que vostede menciona, non lle explicaron que a solución aos problemas de subministración de auga que padecen Ribadeo e Trabada, non depende principalmente dun hipotético novo Depósito, senón da substitución dos máis de vinte quilómetros de acometida de auga de 300 mm. que actualmente discorre na súa meirande parte pola traza da antiga liña do ferrocarril mineiro de Vilaoudriz a Ribadeo.
Deducimos que o proxecto que a Consellaría de Medio Ambiente redactou daquela, o global, non a separata do depósito, contemplaba unha nova localización nas tubarias de transporte de auga por camiños ou espazos públicos, aínda que nunca o puidemos saber porque esa mesma Consellaría, a pesares dos múltiples requirimentos verbais e escritos, nunca nos comunicou mais nada sobre unha posible actuación de mellora e renovación da rede de auga nin chegou a enviar proxecto algún, e moito menos, dialogar formalmente connosco para ver por onde podería pasar a posible nova acometida de augas.
Soamente nestes últimos tempos, e por mor doutro dos nosos múltiples escritos (que se achega a este escrito), lles requirimos para que nos deran copia do que tivesen nos seus arquivos. Esta petición foi finalmente atendida hai exactamente 5 semanas.
Cando lle escribiron os informes internos, non sei se lle comentaron tamén o que o ex Director de Augas de Galicia, o Sr. Roberto Rodríguez, recoñeceume a min persoalmente a modo de confesión cristiá (é posible que tivera algún remorso de conciencia) que o proxecto de substitución da totalidade da acometida de auga de 5,5 millóns de euros era moi grande para que a Xunta investise en Ribadeo, pero que tiveron a intención de facer unha primeira fase coa construción do tan traído e levado novo Depósito. Logo indicoume que, coincidindo nas datas coa nosa dilixente resposta de data 28/01/2015 sobre a certificación urbanística requirida por Augas de Galicia, tamén tiveron un informe desfavorable do Departamento de Intervención da Xunta, sobre a posibilidade de aplicar fondos europeos para a construción deste depósito, posto que o financiamento da UE só podía ser para proxectos completos, e este non o era, ao ser só unha primeira fase.
De aí que nunca máis volvésemos saber nada, nin da “primeira fase” nin do proxecto completo, tampouco incluso nestes derradeiros anos en que tivemos gravísimos problemas con vertidos de lixiviados no Río Grande, onde temos outra captación menor de auga, que é a que a nivel moi precario nos vén salvando cando rompe a traída principal. Neste caso a incompetencia de varios dos seus departamentos, como Augas de Galicia, Dirección Xeral de Saúde Pública, Control de Vertidos, etc. provocou que, despois de numerosísimas denuncias durante tres anos sen que nos fixeran caso algún, tiveramos que rematar acudindo á Fiscalía de Lugo para denunciar, coa impotencia de ver como se podían sistematicamente verter lixiviados contaminantes a un río, sen que ningunha autoridade autonómica fixera o máis mínimo por evitalo, mais aló de convidarnos “amablemente” a cesar a subministración neses puntos de captación, no caso de non ser a súa auga apta para o consumo. Non lle minto se lle digo que esta resposta nos causou indignación e estupor, por non dicir algo máis forte.
Tamén, e para sermos francos de todo, pódolle dicir que algún tipo de compaixón por nós debeu sentir o daquela Director Xeral de Augas de Galicia, Sr. Roberto Rodríguez, por toda esta situación que describo, posto que me chegou a ofrecer algunha pequena actuación a modo de “parche”. Nós, que antepoñemos o servizo público e o benestar cidadá por riba de calquera estrataxema política, aceptamos o ofrecemento e suxerímoslle (de acordo cos técnicos municipais) volver a usar os vellos mananciais chamados As Fontes do Lobo (que era o lugar da antiga captación de auga de Ribadeo de mediados do século XX e que estaban abandonadas e en desuso desde hai máis de 25 anos), sendo conscientes ambos de que en ningún caso sería caudal abondo para resolver as necesidades do Ribadeo actual, mais confiando que este pequeno alento de aporte de auga puidera ser un alivio á precaria situación que padecemos.
Pois ben, parece ser que este proxecto foi elaborado (non o podemos asegurar porque a Consellaría de Medio Ambiente nunca nolo remitiu), posto que vimos as partidas económicas consignadas nos orzamentos da Xunta de hai dous exercicios. O terrible desta última ilusión, foi precisamente que fose iso, unha mera ilusión, pois a Xunta de Galicia que Vde. preside, e polas razóns que Vde. saberá, nunca licitou nin executou este proxectiño cativo de poñer a funcionar as vellas Fontes do Lobo.
Fala vostede de que outras administracións, nomeadamente a Deputación de Lugo, teñen capacidade para axudar a Concellos de menos de 20.000 habitantes, e o certo é que non lle falta razón. Quizais se deba ter en conta, e debamos chamar novamente ás súas portas, como temos feito con fortuna para outros proxectos que pasarán á historia como o paradigma da boa política social, isto é, para a construción e xestión posterior dunha nova residencia para persoas maiores en Ribadeo, e que tristemente, e a pesares de telo pedido encarecidamente, non contou con un só céntimo de euro da Xunta de Galicia, precisamente a administración que ten as competencias de cheo nesta materia social.
O porqué de todo isto deduzo que, como noutras moitas cousas, poida ter orixe en estratexias electorais, aínda que vostede, mellor que ninguén, debe saber a clave.
Mais, volvendo ao tema da auga que nos ocupa nesta epístola sincera e con vocación de diálogo e acordo, e tendo en conta que as Deputacións deben prestar tamén a axuda que corresponda, quero lembrarlle que é obriga e competencia do goberno galego, ou sexa, de vostede como Presidente, destinar o recadado dos galegos e das galegas, tamén dos de Ribadeo, do Canon da Auga que periodicamente e desde hai 10 anos se inclúe en cada recibo da auga que os abonados pagan.
Por se non lle fixeron a conta no Departamento recadador correspondente de Augas de Galicia, cada ano desde hai 10, a Xunta de Galicia recada en Ribadeo uns 200.000,00 € en concepto de Canon da Auga, e outros tantos cartos en Canon de Saneamento.
Se somos honestos de verdade, e nos cinximos tan só ao Canon de Auga, verá que doadamente facendo a conta veñen saíndo uns 2.000.000,00 € entregados á Xunta, precisamente para a realización de infraestruturas hidráulicas como a que levamos anos demandando sen éxito desde os Concellos de Trabada e Ribadeo.
Xa sei que o destino e distribución destes recursos non é automático para os Concellos que os achegan, senón discrecional e arbitrario. Por iso mesmo, pídolle que desta volta, a discrecionalidade e a arbitrariedade vaia en favor dos que, coma nós, levamos unha década (casualmente desde que vostede é Presidente da Xunta de Galicia) sen recibir neste concepto de abasto de auga un só euro. Non pode computarme aquí, como fai algunha xente do seu partido, as exiguas achegas xenéricas que por dereito de poboación ou territorio nos poidan corresponder ao igual que o resto de Concellos do País.
Créame que a pesares de todo isto, encaramos este novo mandato con ilusión, ánimo e espírito de colaboración entre as diferentes Administracións. E por iso que lle pido que, como Presidente da Xunta, nos escoite e acceda a buscar unha solución posible, viable e realizable para acadar unha subministración de auga continua e de calidade para os veciños e veciñas de Trabada e Ribadeo, con independencia da opción lexítima a quen teña apoiado a cidadanía destes concellos en pasadas eleccións. A fin de contas, todos bebemos da mesma auga.
E permítame unha analoxía, despois de ler con atención unha entrevista súa nun xornal de tirada estatal este domingo. Alí expón a súa preocupación pola gobernabilidade do Estado, e manifesta que debera haber homes de estado en troques de políticos adolescentes nestas situacións complexas como a que estamos a vivir.
Eu atrévome, seguindo a súa reflexión, a pedirlle que sexa valente, que se vostede quere predicar co exemplo de ser unha persoa de estado, non pode por mais tempo deixar desatendida a esta poboación de Trabada e Ribadeo, que non pode deixarse levar polas estratexias políticas que tanto aburren á nosa sociedade, que non se pode parapetar por detrás de notas de prensa de gabinetes que nos usan como tropas de choque nunha batalla desigual. Vostede ten o deber de tratarnos como a administración que vostede dirixe trata a outros. Á vista están os convenios bilaterais que publica periodicamente o Diario Oficial de Galicia de actuacións de auga con outros Concellos do noso pequeno País.
Agardando ás súas novas, reciba pois a miña consideración máis sincera.
Un cordial saúdo,
Fernando Suárez Barcia. Alcalde-Presidente do Concello de Ribadeo