A enquisa do Instituto Galego de Estatística (IGE) de 2018 a respecto do uso da nosa lingua propia reflicte uns dados moi negativos no que atinxe ao uso e coñecemento do galego das persoas entre 5 e 15 anos e máis ao uso público da lingua co persoal sanitario e educativo e no ámbito laboral cos xefes.
Deste xeito, case o 24% das persoas de 15 e menos anos (16,9% no 2013) descoñecen o galego, mentres que esa porcentaxe baixa a un 9,5% para as persoas entre 16 e 29 anos, que melloran abondo o 12,29% das de 30 a 49. É dicir, as crianzas educadas ao abeiro do Decreto de Núñez Feijóo de plurilingüismo de 2010 saben moito menos galego ca as persoas educadas nos primeiros dez anos do século, ao abeiro do Plan de Normalización Linguïstica aprobado hai agora quince anos por unanimidade do Parlamento e dos Decretos do penúltimo goberno Fraga e do goberno de coalición BNG-PSdeG.
As persoas que falan só ou maioritariamente galego acadan un 52,3% (unha moi lixeira mellora a respecto do 2013), mais destas só manteñen a lingua cos xefes un 42%, cos médicos un 46 e cos profesores un 39,4%. Mentres, dese 52,3% só pouco máis do 16% usa na escrita o galego.
Xa que logo, cómpre tirar tres conclusións: i ) que a lexislación de Núñez Feijóo é directa responsábel da falla de coñecemento do galego nos máis novos, ii) que a política lingüística de Núñez Feijóo fornece combustíbel ao uso diglósico nas relacións da cidadanía coas persoas investidas de Poder, quer formal quer informal e iii) que a cidadanía é máis resiliente do previsíbel, tendo en conta que somos a lingua e cultura menos subvencionada e apoiada dende os Poderes Públicos da Europa toda.
Velaí que as solucións máis urxentes para o galego sexan políticas: inmersión lingüística para garantir o seu coñecemento equilibrado e medidas lexislativas e administrativas eficaces que garantan plena liberdade lingüística no traballo e perante as Administracións xeral, sanitaria e de Xustiza.
Todo cidadán, grupo ou partido responsábel habería de lle dar apoio a medidas desta caste, que requiren dun grande consenso social e político. Mais, para desgraza deste país, semella que o PPdeG está satisfeito destes dez anos de deconstrución lingüística, polo que semella que estas solucións políticas só poderían virán da remuda a fronte do Goberno galego no vindeiro 2020.-