O delegado realizou esta afirmación no marco do Encontro empresarial Astur-Galaico organizado pola asociación Día de Galicia en Asturias na Cámara de Comercio de Oviedo, no que precisamente se homenaxeou á Consellería de Cultura e Turismo da Xunta así como a varias empresas vinculadas á entidade e a Galicia.
Balseiro sinalou que a citada consellería está a traballar para “facer máis universal se cabe o próximo Ano Santo” e engadiu que “será unha oportunidade para todos os territorios atravesados polas rutas xacobeas, e moi especialmente para os camiños Norte e Primitivo dado que será o primeiro que se celebra tras a declaración de ambos como bens Patrimonio da Humanidade no ano 2015”.
Neste sentido, o delegado lembrou que o Norte e o Primitivo son respectivamente a terceira e a cuarta ruta máis elixida e sumaron preto de 4.000 peregrinos nos cinco primeiros meses do ano -período do que se teñen datos oficiais-.
Balseiro, que interviu en representación do conxunto de entidades homenaxeadas, agradeceu o labor da asociación Día de Galicia en Asturias por “manter o vínculo e continuar estreitando os lazos entre as dúas comunidades veciñas”. Durante estes días o colectivo organiza distintas actividades de índole económica, social e cultural. Entre elas, está prevista a imposición da insignia de oro da entidade ao vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, nun acto que se celebrará o domingo na sala de cámara do auditorio Príncipe Felipe de Oviedo.