Site icon Crónica3.com A Mariña

“Atacando á Terra. Unha chamada (máis) de atención”, por Antonio Gregorio Montes

Remato de ver unha gráfica por enésima vez. Por primeira vez decateime dun detalle dun dato que representa.
A gráfica, as partes por millón de dióxido de carbono na atmosfera, recollidas nun observatorio limpo de alta montaña nunha illa no medio do Pacífico: Mauna Loa, nas illas Hawaii. A recollida dese dato faise dende o ano 1958, e, se collemos como referencia os máximos anuais (poderíamos coller outra referencia, a variación é desprezable), en 1958 representaba unha concentración de 317 ppm, e en 2019, de 414 ppm. É dicir, en 61 anos, un aumento de máis dun 30 %. Aínda máis, a referencia da era pre industrial, por outros estudos, leva a 280 ppm. É dicir, un 50 % máis que ó que estabamos afeitos os humanos ata hai cousa de 200 anos.
Que significa? Pois básicamente, que o efecto invernadoiro causado polo dióxido de carbono leva aumentado un tercio dende mediados do século pasado, e a metade máis dende a era pre industrial. Tendo en conta que o efecto invernadoiro normal permite que nós vivamos sobre a superficie da Terra ó favorecer un aumento da temperatura media de máis de 30 ºC, se só contara o dióxido de carbono para este efecto, a temperatura dispararíase máis de 15 ºC de media, facendo o planeta inhabitable.
É para botarse a tremer. Se non materializado ese aumento é por varias razóns. Unha, que ata o momento houbo mecanismos naturais que capturaron parte do aumento da produción de dióxido de carbono, evitando que chegara a concentracións aínda máis altas que as referidas. Efectos que están comezando a desaparecer, como a captura polo mar, cada vez máis ácido debido ó aumento da cantidade dióxido de carbono capturado, e máis quente, o que dificulta a absorción de dito gas. Outra, a inercia da Terra a quencer, que fai que leve retraso no quencemento aínda que este sexa evidente hoxe por hoxe. A terceira, que por sorte o dióxido de carbono no é o único gas de efecto invernadoiro, senón que o metano ou mesmo o vapor de auga, entre outros compostos, tamén contribúen a dito efecto. Claro que, en relación a isto, polo momento, o metano tampouco está controlado, e o vapor de auga tende aumentar co aumento da temperatura, o que non representa moito consolo.
Collendo un vello refrán, a deus rogando e co mazo dando, encomendémonos, crucemos os dedos e traballemos a favor do control que o noso planeta intenta manter. Polo de agora, en contra das nosas actuais accións contaminantes. Pero cedendo cada día un pouco máis fronte ós nosos ataques á nosa fonte de vida.

Antonio Gregorio Montes

Exit mobile version