O Concello barreirense fixera pública nas últimas semanas de agosto a recomendación de non bañarse nese areal, despois de coñecerse os resultado das analíticas que desprendían existencia de contaminación microbiolóxica temporal.
A alcaldesa, Ana Ermida, explica que “segundo nos foi notificado desde o SERGAS as últimas analíticas realizadas na auga de baño de Arealonga, ao igual que as do resto do concello, xa foron positivas, polo que podemos levantar a recomendación de non bañarse.”
Para a alcaldesa a causa destes resultados é evidente, sinalando que “a problemática da contaminación da auga solucionouse unha vez que a depuradora de Reinante recupera o seu caudal e segue funcionando con normalidade ao chegarlle unha cantidade de residuos para a que ten capacidade.” Polo tanto, insiste, “a problemática subsistirá mentres non se lle dea solución definitiva ao problema da depuración de augas, mediante a construción dunha nova depuradora con capacidade suficiente para facer fronte á poboación flotante que hai en Barreiros nos meses de verán.”
Nese sentido, lembra que “para o goberno de Barreiros, o saneamento e a depuración de augas residuais son unha prioridade e manifesta a súa intención de seguir petando a todas as portas que fagan falta para conseguir o finanzamento preciso para executar o proxecto de construción da depuradora en San Miguel.”