Ribadeo, 2 de setembro de 2019. A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA) fai un balance moi positivo do VIII Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, que se celebrou en Ribadeo do 27 ao 30 de agosto. APAGA recibiu a chamada de Mariluz Barreiros, filla do empresario Eduardo Barreiros, para agradecerlle a homenaxe rendida ao seu pai o pasado venres e para convidalos a asistir aos actos que se desenvolverán en Ourense en outubro para conmemorar o centenario do seu nacemento. O presidente de APAGA, Álvaro Doural, adiantou que no 2020 o Fórum durará toda unha semana e que no mesmo poderían participar seus socios europeos, xa que mostraron interese por esta actividade, que conta coa homologación da Consellería de Educación.
Álvaro Doural subliñou que “desde a organización estamos moi satisfeitos cos resultados, con todas as situacións que se deron como o cambio de sede, o incremento importante de participantes e a homologación por parte da Consellería de Educación, á cal lle estamos sumamente agradecidos. Creo que a satisfacción se reflicte nas enquisas dos participantes. Vese que, despois de todo ese traballo que houbo que facer semanas antes e durante a propia semana da actividade, que merece a pena. Creo que estamos facendo as cousas doutra forma, dando resposta ás necesidades formativas que ten o profesorado e os técnicos do sector e iso vese na moita xente que ven de lonxe para participar nesta actividade. Aínda que este ano houbo un aumento de día e medio, na asemblea plantexouse que habería que volver á semana enteira. Algún dos poñentes dicía que lle sorprendía o bo ambiente que había”.
O presidente de APAGA dixo que “o venres pola tarde a homenaxe que se fixo a Eduardo Barreiros foi un remate sensacional e no que participou moita xente. Eu recibín a chamada da filla de Eduardo Barreiros que me dixo que estaba moi emocionada e deunos as grazas a toda a xente que estivemos na organización, ademais pasounos unha invitación aos actos que van celebrar en Ourense a semana do 2 de outubro. Así que estamos moi satisfeitos, despois do traballo porque ás veces por moito que se traballe nun tema os resultados non son os que a un lle gustaría”.
Doural adiantou que “ao mellor na próxima edición incrementamos un día máis a duración do Fórum, depende das axudas económicas que poidamos conseguir porque sempre é un hándicap importante, xa que somos unha pequena organización podemos poñer algo pero non podemos costear toda a actividade. Depende tamén se podemos seguir contando coas fabulosas instalacións do Centro Pedro Murias, é un marco fantástico para poder facer este tipo de actividades. Alégrome moito de que por parte de Medio Rural se dea todo ese tipo de facilidades de utilizar as instalacións para as actividades e a residencia. Teño que felicitar á persoa que tomou esa decisión. Creo que é unha postura moi acertada para todo tipo de eventos que se poidan facer en Ribadeo ou preto de Ribadeo”.
O presidente de APAGA engadiu que “o ano que ven quizais se vaia pasar a toda a semana e se vai internacionalizar máis esta actividade. Unha parte dos nosos socios europeos que estiveron vendo na nosa web o Fórum tamén queren participar e estar presentes. Onte recibín un correo por parte dos nosos socios de Italia que están moi interesados, e mesmo de Lituania e de Alemaña. Creo que para o ano volveremos incrementar o número de participantes e que a actividade pase a ser a nivel europeo. Creo que co marco onde se fai, se os responsables de Medio Rural nolo permiten, volvemos recuperar o espírito que no seu momento Pedro Murias xerou, e darlle a importancia que debe ter a ese tipo de centros”.