A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo, a través do seu xerente, Jesús Pérez, cualificou de “lamentable que en pleno século XXI teñamos que sufrir case a diario micro cortes de luz en Ribadeo, con todo o que iso supón para as empresas. Levamos xa uns días padecendo de novo esta situación. O último deses microcortes rexistrouse esta mañá”.
Pérez Prada dixo: “seguimos sen entender o que está a pasar cando ademais contamos cunha nova subestación eléctrica, que se supoñía que ía poñer fin a toda esta problemática, que xa é moi vella, e que desgraciadamente continúa. Queremos que Viesgo nos explique qué está a pasar en Ribadeo”. E subliñou que “cada vez que se producen estes cortes de luz recibimos na nosa oficina ducias de chamadas dos nosos asociados e asociadas queixándose dos danos e prexuízos que todo isto lles ocasiona. Sempre hai algunha máquina que se queima. Pedimos que Viesgo se responsabilice dos danos causados cada vez que se vai a luz en Ribadeo, sexan tres segundos ou cinco minutos”.
O xerente de Acisa cualificou de “vergoñentos e intolerables estes cortes de luz, que se producen na semana grande de Ribadeo, con todo o que iso supón. A vila celebra estes días as súas festas patronais e non nos podemos permitir mais incidencias deste tipo. Desde Acisa agardamos que todo o mundo poida traballar con normalidade ao longo desta semana, comercios, hostaleiros, autónomos, servizos, etc…”.