Site icon Crónica3.com A Mariña

Acisa recomenda aos seus asociados non abrir este domingo, Día da Patroa

 Ribadeo, 5 de setembro, 2019. O comercio ribadense, por tradición, abre os domingos pola mañá, algo que podería non ocorrer este 8 de setembro (domingo) Día da Patroa. Desde Acisa comentan que “estamos a recibir moitos correos e avisos de empresarios e empresarias que están a decidir pechar os seus locais ao celebrarse o Día da Patroa este vindeiro domingo, e algúns outros preguntándonos que facer ese dia. Debido a que no calendario non é un día festivo como tal, o que podemos facer desde a asociación, e de feito estamos a facer estes días e na xornada de hoxe, é comunicarnos cos asociados, é animar a todos e todas a gozar dos festexos e por respecto a Ribadeo e ás súas festas recomendamos que o comercio peche e aproveiten para descansar tanto os donos dos comercios coma os empregados”.
Dende a xerencia de Acisa recordan que “as compras que alguén quixera facer o domingo vai podelas facer o luns xa que moitos establecementos abriran as súas portas, debido a que en Asturias cambian o festivo do domingo ao luns. O 8 de setembro é o Día de Asturias, que o Principado celebrará o 9, e serán moitos os que se trasladen a Ribadeo a pasar esta ponte festiva na comunidade veciña”. A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos engade que “en todo caso a decisión de manter aberto ou pechado un local correspóndelle a cada propietario, nos non podemos nin queremos obrigar a ninguén, pero si os supermercados pechan as súas portas e a maior parte do comercio pequeno tamén, nesta ocasión creemos que é o apropiado que todos e todas, pequenos, medianos e grandes comercios, pechen o domingo 8 de setembro, por elo é o que dende Acisa recomendamos”.
Por outra banda, desde Acisa lembran tamén que “os locais hostaleiros asociados poderán abrir unha hora máis do que recollen as súas licencias desde esta madrugada e ata o vindeiro domingo, debido á celebración das festas de Ribadeo e ás xestións realizadas por Acisa diante da Xunta e do Concello”.

Exit mobile version