Viveiro, 2 de setembro de 2019.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, leva adiante obras de mellora no pavimento do viario que serve de acceso ao porto deportivo de Viveiro.
Os traballos, que se desenvolveron nos últimos días, consistiron na extensión dunha nova capa de rodaxe, con aglomerado asfáltico en quente, nunha superficie de 1.600 metros cadrados.
As obras, que contan cun investimento de preto de 18.000 euros, completaranse agora coa reposición das marcas viarias e novas sinais verticais. Así mesmo, prevese a instalación de novo mobiliario urbano, en concreto xardineiras e bolardos.
Os principais beneficiarios da mellora desta vía de acceso serán os usuarios das instalacións náutico deportivas, pero tamén aqueles veciños ou visitantes que fagan uso dos espazos anexos (local hostaleiro) ou simplemente desexen gozar dunha espectacular vista da ría de Viveiro e do tránsito de veleiros e barcos que amarran nas instalacións.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, comprobou a execución das obras e avanzou que esta actuación debe enmarcarse no compromiso da Xunta por contribuír á rexeneración da fachada marítima de Viveiro.
Cómpre lembrar que Portos de Galicia habilitou o pasado mes de xullo, tras a demolición dos últimos galpóns, 2.500 metros cadrados de aparcamento gratuíto no peirao vello e a escasos metros do casco histórico, o que o converte no maior e máis céntrico estacionamento público de Viveiro.