Mondoñedo, 17 de setembro de 2019. A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de instalar unha nova varanda na travesía de acceso a Mondoñedo pola estrada autonómica LU-124 para garantir a protección dos peóns e poñer en valor esta zona de entrada á cidade.
As beirarrúas existentes neste espazo presentan un importante desnivel con respecto os terreos lindeiros o que se fixo conveniente a instalación de elementos de seguridade que delimitasen o espazo de paso peonil e reducisen o risco de caídas.
O acceso a Mondoñedo pola LU-124 trátase dunha das vías de maior intensidade de tráfico, pero tamén é importante o número de veciños que camiñan polas beirarrúas que no seu día se construíron co obxecto de separar a circulación peonil e de vehículos, e urbanizar o acceso.
A nova varanda de aspecto ornamental e metálica está adaptada ao desnivel do terreo e os traballos de colocación efectuáronse con cargo ao contrato de mantemento e conservación viaria da Axencia Galega de Infraestruturas.