Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta impulsa unha nova empresa de asistencia sociosanitaria para persoas maiores en Burela, achegando 51.200 euros ao proxecto

visita de jose manuel balseiro al centro de dia de burela coidando de vos

Burela, 13 de setembro de 2019.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa unha nova empresa de servizos sociosanitarios para persoas maiores en Burela, beneficiaria dunha axuda de 51.200 euros a través do programa Galicia Emprende que xestiona o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe as instalacións de Coidando de vós, centro que puxeron en marcha as emprendedoras Yovanna e Margot Eijo Méndez e que inclúe prestacións como transporte, fisioterapia, podoloxía, peiteado e atención á saúde. A achega concedida pola consellería acadou o 30% do investimento subvencionable, a porcentaxe máxima prevista para a creación de pequenas e medianas empresas.

Balseiro gabou a iniciativa, “que amplía o abano de servizos para persoas maiores na comarca da Mariña, ao tempo que crea postos de traballo”, e lembrou que este é precisamente o obxectivo de Galicia Emprende, “a promoción do espírito empresarial e a creación de novas empresas”.

O delegado explicou que está aberta unha nova convocatoria deste programa -a segunda neste ano- e o prazo para presentar solicitudes remata o 18 de outubro. Serán subvencionables os proxectos de creación de pequenas e medianas empresas por novos emprendedores, así como os proxectos de investimento para a ampliación de pequenas e medianas empresas xa creadas que cumpran os requisitos para seren consideradas nova peme.

As achegas poden destinarse a obra civil para construción, reforma ou habilitación de instalacións, equipamento, mobiliario ou labores de investigación e desenvolvemento, entre outros aspectos, e están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Exit mobile version