O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe o CEIP Santa Rita, en Galdo, onde se fixeron reformas no patio infantil, no que se instalou pavimento de caucho nuns 130 metros cadrados de superficie da área de xogos.
Baleiro salientou que esta actuación contribúe “a suavizar os impactos nas posibles caídas dos pequenos e pequenas”, ademais de minimizar charcos ou inundacións no caso de choiva, ao tratarse dun material poroso.
Esta medida forma parte do programa de reformas que o Goberno galego desenvolve durante o verán nos centros educativos da provincia, explicou o delegado, quen sinalou que a Xunta “impulsa obras de gran envergadura e tamén iniciativas de menor entidade pero moi relevantes para garantir o bo estado e modernización das instalacións educativas”.
No caso de Viveiro, Balseiro destacou que este ano tamén se fixeron obras no CEP Luís Tobío (melloras nos aseos); CEIP de Celeiro (cambio de portas no primeiro andar); IES María Sarmiento (substitución dunha caldeira); IES Vilar Ponte (cambio de ventás) e na EEI San Roque, onde se fixeron diferentes reformas, como a construción dun rocho na sala de caldeiras. Todos estes traballos están concluídos agás a actuación de Celeiro, que está a piques de finalizar.