Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta executa obras de mellora e acondicionamento no edificio xudicial de Mondoñedo cun investimento de 35.000 euros

 Mondoñedo, 04 de setembro de 2019.- A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza destina preto de 35.000 euros a executar obras de mellora e acondicionamento no edificio xudicial de Mondoñedo.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que os traballos estanse a desenvolver neste momento e se prevé que queden completados a finais deste mes.

A actuación enmárcase nos recursos que destina anualmente a Vicepresidencia á realización de obras menores nos Xulgados lugueses, para favorecer o bo estado e modernización das instalacións.

A actuación de maior contía é o pintado exterior de todo o edificio xudicial, coa reparación de humidades e gretas existentes na fachada. Estas melloras contan cun orzamento de 25.880 euros.

Así mesmo, procederase á instalación de novos canlóns e baixantes en todo o perímetro do inmoble, para substituír os actuais. Tamén se actuará na cuberta do edificio, que está previsto limpar -retirando herbas, musgos e liques-, ademais de revisala para efectuar as reparacións que sexan precisas.

Balseiro salientou que os traballos servirán para reparar deficiencias propias do paso do tempo e mellorar a estética do edificio. As obras son executadas polo grupo DILL, unha empresa de inserción laboral en cuxo obxecto social está a integración e formación sociolaboral de persoas en situación de exclusión social.

Exit mobile version