Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, executa actuacións de limpeza e conservación nos treitos interurbanos do rego de Santiago e no do Forcón, tamén coñecido como Barranca, no concello de Barreiros.
As actuacións lévanse a cabo nos treitos interurbanos destes regos e forman parte dos traballos de mantemento de tramos en Áreas con Risco Potencial Significativo de Inundacións (ARPSIs), centrándose na retirada de árbores mortas e madeira acumulada, así como elementos susceptibles de causar atoamentos, así como rozas selectivas puntuais. Unha vez finalizadas estas actuacións, os tres regos e o río quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Os traballos de Augas de Galicia no rego de Santiago estenderanse ao longo de máis de 1,6 quilómetros de lonxitude, no tramo que coincide no seu percorrido polo lugar de reinante. Pola súa banda, as tarefas no rego do Forcón ou Barranca estenderanse nun treito de 2,8 quilómetros ao seu paso polos lugares de Ferrería, Outeiro e Barranca.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-Norte e as súas zonas de acceso e protección.
Mediante este tipo de traballos, a Xunta ten como obxectivo a mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna dos ríos.