O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou que os servizos se prestan en unidades móbiles que irán rotando polos diferentes concellos, con estadías de cinco días en cada un deles.
Así, está previsto que na provincia de Lugo estean nas Nogais -do 30 de setembro ao 4 de outubro-; Cervantes -7 a 11 de outubro-; Portomarín -14 a 18 de outubro-; Abadín -21 a 25 de outubro- e O Valadouro -4 a 8 de novembro-.
A unidade móbil ofrece diferentes recursos e, ademais dos servizos ópticos e de podoloxía, os usuarios tamén poderán solicitar asesoramento sobre servizos esenciais cotiáns, como información relacionada coa etiquetaxe dos alimentos ou cos contratos e facturas de subministracións domésticas -auga, electricidade, etc.-.
Balseiro destacou que esta iniciativa, apoiada pola Unión Europea, forma parte das accións impulsadas pola Xunta co obxectivo de achegar aos concellos rurais servizos sociais e asistenciais de proximidade dirixidos ás persoas maiores, “para facilitar que teñan acceso a eles sen necesidade de trasladarse fóra da súa localidade ou do seu entorno máis inmediato”.
O proxecto RedMay está a desenvolverse nunha vintena de concellos de Galicia e na rexión norte de Portugal e nel a Xunta ten como socios á Universidade de Vigo e á Cámara Municipal de Braga.