O rexedor explicou que “acabamos de rematar un pleno extraordinario que era necesario realizar más que nada para normalizar a situación económica dos traballadores do Concello, pois este ano houbo unha suba do 2,25 por cento en principio, que se aplicou xa desde xaneiro; e despois, pola mellora da economía e pola variación do IPC, subiuse un 0,25% máis. Este segundo incremento non estaba contemplado explicitamente nos orzamentos municipais deste ano 2019. Polo tanto houbo que consignar unha partida para facer fronte a este gasto derivado do incremento do 0,25%; e o único que se fixo foi sacar doutras partidas, que son perfectamente compatibles, para acadar o diñeiro necesario para aplicar esa suba. Isto aprobouse por unanimidade”.
Llano seguiu a relatar que “por outra parte, nos orzamentos tíñamos contemplada na partida 310 unha cantidade para pagar intereses a longo prazo, correspondentes a créditos bancarios, pero como o Concello de Burela está completamente saneado, non temos ningún préstamo e polo tanto non hai que pagar intereses, pasamos o desa partida a outra, concretamente á 352, para abonar intereses de demora. É unha cuestión ordinaria na dinámica económica do Concello. Polo tanto isto tamén se aprobou”.
O alcalde burelés engadiu que “ademais fíxose a dación de contas e é unha satisfacción ver os informes de Tesourería correspondentes ao último trimestre porque neles apréciase claramente que estamos cumprindo perfectamente todo o que se esixe desde a normativa vixente. Por exemplo estamos pagando aos provedores a unha media de 12 días, o que é unha medida tremendamente óptima e extraordinaria. Tamén cumprimos perfectamente co obxectivo de estabilidade orzamentaria, derivado do bo facer da Tesourería. Ademais cúmprese a regra de gasto e o plan económico financeiro tamén se está cumprindo perfectamente. Polo tanto agora mesmo, aínda que esteamos un goberno en funcións, a situación económica do Concello de Burela está perfectamente”.
Alfredo Llano dixo: “basicamente consistiu nisto este pleno, que foi extraordinario pois ordinarios non podemos facelos porque estamos nunha situación anómala, en funcións. Xa nos tarda volver á normalidade porque sería moi beneficioso para o Concello de Burela”.