A Mariña, 30 de setembro de 2019. A Mancomunidade de Concellos da Mariña celebrará un pleno en Burela mañá, 1 de outubro. Na orde do día figuran asuntos como a conta xeral, o programa integrado de emprego ou o plan de renovación de contedores de recollida de lixo.
O presidente da Mancomunidade, Alfredo Llano, anunciou que “o día 1 imos ter unha reunión, un pleno, da Mancomunidade en Burela para falar de asuntos dos que xa temos que dar conta o antes posible como pode ser a conta xeral, falar dos resultados do plan integrado de emprego, que estivemos ofrecendo este ano e deu un resultado extraordinario, óptimo en todos os sentidos. Houbo cen persoas que estiveron dalgún xeito ligadas a todas as actividades que foron programadas e que tiveron un resultante de éxito todo aquilo que se fixo. Está a punto de culminar e polo tanto falaremos de como foi e o vantaxoso que é que a Mancomunidade poida seguir ofrecendo este tipo de servizos, que eu penso que é moi interesante sobre todo para xente que está no paro”.
Llano engadiu que “tamén imos dar conta dos contedores. Xa se sabe que tivemos a aprobación dunha subvención para comprar contedores para toda a Mancomunidade. Daremos conta de como saen, cantos tipos corresponden a cada Concello e todo aquilo que poida ser interesante para cada un dos diferentes concellos. Ademais falaremos das características que teñen, de cantos son verdes, amarelos, de papel, dos suxeita contedores, etc…”.
O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña sinalou que “falaremos tamén de turismo, do que se está levando a cabo, do que se fixo e do que faremos ata final de ano. Ademais falaremos dos contedores de aceite, do estado en que se atopan, de como está traballando a empresa e que tipo de proxectos hai cara ao futuro”.
Alfredo Llano subliñou que “esta reunión da Mancomunidade hai que vela como un remate da lexislatura porque, unha vez que se repitan as eleccións nunha mesa en Burela, hai que volver retomar e volver elixir nova directiva para que se organice e a partir do ano que ben levar para adiante todos os proxectos que haxa desde a Mancomunidade. Polo tanto fago un chamamento a todos aqueles que queiran participar, alcaldes e persoas que pertenzan á Mancomunidade, e aproveito para lembrar que os que temos que ir somos os anteriores e non os que saíron das eleccións de maio”.