Burela, 4 de setembro, 2109. A internacional brasileira Maria Leidjane Marques de Oliveira (Pacajus, 1990) xa é xogadora do Pescados Rubén Burela FS. A ala-peche, que xa recalou na Mariña para realizar a pretempada coas Guerreiras, formalizou esta mañá o seu contrato na compaña do presidente, Manuel Blanco, e da vicepresidenta, Cesarina Fanego.
“Coñecía a historia e a evolución do equipo, tiña ganas de novas experiencias e nada mellor que neste gran club”, confesaba Jane, procedente do São Jose Futsal, no que disputou a última tempada, despois de defender o Cianorte, nas cinco anteriores.
A brasileira, que se estrea no fútbol sala español, xa puido disputar algún compromiso de pretempada ás ordes de Julio Delgado, o último o 4Nations Futsal de Milán: “Estoume atopando cómoda no que coñezo ata o momento. Estou feliz, xa tiven a oportunidade de celebrar o título italiano e tan só espero que sexa o primeiro de moitos con esta camiseta. A adaptación está sendo moi boa, esperaba máis complicacións; polas facilidades que me están dando xogadoras, corpo técnico e persoal do club todo está sendo un pouco máis doado, ademais as compañeiras brasileiras estanme axudando bastante” reflexionaba a nova xogadora mariñá.
“Para min o principal é o grupo, axudar o bloque; ademais gústame moito a velocidad .Espero complementar o equipo con estas calidades”, así se presentaba Jane, mirando xa o seu primeiro compromiso oficial co Pescados Rubén, este venres, coa Supercopa de España (21.00 horas, Las Rozas).
Coa chegada da nova 11 laranxa, complétase o equipo 2019-20, uníndose ás incorporacións de Ale de Paz e Jenny Lores, dende o Poio Pescamar, e á novísima Cris Lourés, do Comarcal A Fervenza FSF.