A Mariña, 11 de setembo, 2019. Hoxe, día 11, comezan as aulas de infantil e primaria no noso país, e hoxe mesmo tres centros da nosa comarca non están en condicións de recibir o alumnado nin de que o profesorado exerza o seu traballo nas condicións axeitadas.
No CEIP de Cervo a situación é indignante: non conta con cristais na cociña, nin cunha entrada independente. Disponse dun número limitado de baños en funcionamento. Continúan as obras na cuberta, no revestimento exterior e as instalacións. Varias zonas do colexio están restrinxidas, o que implica a necesidade dun novo plan de seguridade para garantir a integridade do alumnado e do profesorado. Por iso, a comunidade escolar decidiu protestar e as nais e pais non mandar as súas fillas e fillos á escola.
É de sinalar que o prazo de realización das obras do CEIP de Cervo estaba planificado para tres meses, tal como consta no cartaz das mesmas, mais foron iniciadas o 22 de xullo. Por tanto, a Consellaría foi sempre sabedora de que a día 11 de setembro non era posible comezar o período lectivo con normalidade e seguridade. Como se lle pode obrigar ao alumnado, e tamén ao profesorado, a entrar en locais onde está avisado, con sinais, que é obrigatorio levar casco?
A Consellaría de Educación está sendo totalmente irresponsábel e manifesta unha total falta de previsión, mais o que é máis preocupante é que non sexa capaz de recoñecer a situación e mande ocupar centros nas condicións descritas.
Do mesmo modo denunciamos que o CEIP de Foz número 1 e o CEIP Virxe do Carme de Burela presentan un estado inacabado das obras, con andamiaxes no exterior, limitando a zona de esparcemento e liberdade de movementos do alumnado, e con diversas aulas desmanteladas e inacabadas e sen as axeitadas condicións de hixiene.
Desde a CIG-Ensino reiteramos a nosa repulsa polo estado en que varias comunidades educativas teñen que iniciar o curso escolar, o noso apoio a todas as protestas e accións iniciadas e a esixencia á Consellaría de Educación de que se responsabilice da situación, sen esquecer a nosa máis dura crítica por esta ineficacia e falta de previsión.