Os números premiados foron os seguintes: con 500 euros resultou agraciado o 54.667, que foi repartido en Xanela Agasallos e Complementos; e con 100 euros cada un foron premiados o 54.346 en Salai Campo, o 59.135 en Electricidad Núñez, o 53.818 en Nº 1, o 51.793 en Librería Bahía, e o 61.225 en Litopiel. Desde a FCAM subliñan que “os posuidores das papeletas afortunadas dispoñen dun prazo de 30 días para reclamar e consumir os seus premios”.
Esta campaña da FCAM descansa durante uns días e volve o 14 de outubro a Xove. Todas as persoas que realicen as súas compras do 14 ao 20 de outubro no comercio asociado a Aciam xovense entrarán no sorteo de 1.000 euros en vales de compra. Só teñen que estar atentas ás redes sociais e aos medios de comunicación para coñecer os números das papeletas premiadas no sorteo que se celebrará o vindeiro 21 de outubro. Haberá un premio de 500 euros e cinco de 100 euros cada un en vales de compra para gastar nos establecementos asociados durante os 30 días seguintes á celebración do sorteo en Foz.
En total a FCAM destina 8.000 euros a premios nesta campaña. Mil euros en cada asociación que a conforma: Viveiro, Foz, Xove, Burela, Ribadeo, Covas, Lourenzá e O Vicedo.
Sorteos, os luns
Os sorteos terán lugar os luns na sede de cada Acia participante. A campaña desenvolverase en Xove do 14 ao 20 de outubro e o sorteo realizarase o día 21 na Aciam; a Burela a campaña chegará do 21 ao 27 de outubro e o sorteo está previsto para o día 28 no CCA burelés; en Ribadeo a campaña será do 28 de outubro ao 3 de novembro e o sorteo farase o 4 en Acisa; en Covas esta campaña da FCAM terá lugar do 4 ao 10 de novembro e o sorteo será o 11 en Beiras de Viveiro; 1.000 motivos para mercar na Mariña será en Lourenzá do 11 ao 17 de novembro e o sorteo efectuarase o 18 na Acia laurentina. A campaña rematará do 18 ao 24 de novembro en O Vicedo, onde o sorteo será o 25 na Acia desta vila.
A campaña 1.000 motivos para mercar na Mariña está organizada pola Federación de Comercio A Mariña e conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo.